O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, valorou esta fin de semana a figura e o traballo do ex rexedor e ex candidato popular de Cangas do Morrazo, José Enrique Sotelo, tras a presentación da súa renuncia esta mesma semana despois de 33 anos de servizo público aos cidadáns e ao partido.
“Foi, sen ningunha dúbida e de longo, o mellor alcalde da historia de Cangas e deixa un legado admirable como xestor, como representante público e, por riba de todo, como persoa. Ademais, a súa grandísima herdanza é extensible ao traballo orgánico do PP local, xa que vaise cun PP moi forte e unido e, afortunadamente, con moitísima xente preparada para seguir cunha rotunda alternativa de goberno que, agardemos, culmine cunha vitoria en 2027”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra considera que Enrique Sotelo “é historia viva da política local da provincia nos case cincuenta anos do período democrático e ademais é un auténtico refererente do municipalismo que, quero destacar, agora mesmo debería esta gobernando Cangas porque foi, de longo, o preferido polos veciños nas eleccións de 2023 e só un pacto de perdedores, que se está a revelar moi prexudicial para os veciños, apartouno da responsabilidade que el merecía e que os cangueses necesitaban”.
Luis López salientou ademais que o que foi alcalde da vila morracense durante tres mandatos “sempre soubo desempeñar con dignidade, talento, traballo e cercanía” a responsabilidade municipal que lle outorgaron os veciños, “aos que defendeu por riba de todas as cousas e polos que loitou como se fosen os seus propios fillos”.
Tamén insistíu en lamentar que un chisco de votos lle impediran alcanzar a maioría absoluta para estar gobernando o Concello de Cangas, “xa que é certo que milleiros de veciños choran hoxe a súa merecida marcha para descansar, pero moitos máis choraron na noite electoral cando viron o multipartito que se lles viña enriba”.
Neste senso, puxo en valor que todos os avances, a transformación e a modernización de Cangas acadáronse cos seus gobernos e coa súa xestión, “xa que era unha persoa con capacidade e rigor, que liderou os grandes proxectos e que aportaba unha estabilidade da que agora adoece o goberno e Concello, nos que xa nos fai practicamente nada de proveito”.
Luis López quixo expresar tamén o maior dos recoñecementos ao seu labor por parte do PP provincial e tamén de parte de moitas agrupacións locais, “xa que sempre estaba disposto a botar unha man aos compañeiros”, e considera que a súa marcha, decidida voluntariamente para descansar e pechar unha longa etapa aos seus 65 anos, “é merecida, aínda que loxicamente se lle botará de menos, e tiña dereito, polos seus méritos, a decidila cando el quixese e este é, sen dúbida, un bo momento”.
Finalmente, e respecto ao futuro do PP local, o presidente provincial considera que é “moi ilusionante e esperanzador”, xa que engadiu que outro dos grandes méritos de Enrique Sotelo foi configurar “un equipo moi potente e cohesionado coas ideas moi claras para o futuro, que funciona perfectamente de xeito engraxado tendo moi presente que a prioridade pasa por escoitar, entender e atender aos cangueses e que ten a moitísima xente preparada para coller o testemuño no liderado local”.
Por elo, concretou que será a agrupación local a que teña que decidir o seu futuro, “pero sen présas porque todo vai seguir funcionando como un reloxo tanto a nivel institucional co grupo municipal como a nivel orgánico no seo do partido”, e para elo engadiu que disporá da absoluta colaboración e apoio da dirección provincial.