Atópase en Vigo o bispo tudense frei Lucas Ramírez Galán, da Orde de San Francisco, o cal veu para asistir á elección de abadesa do convento do Areal. Atopándose na vila, enfermou de gravidade até o extremo de se temer pola súa vida. Apenas saído do perigo aos poucos días, quixo reintegrarse á capital da diocese e embarcou rumbo a Redondela, xa que eran máis rápidos e seguros os camiños do mar que os de terra entre as dúas vilas. Non obstante, nesta ocasión tampouco omar se amosou propicio, xa que se ergueu un súbito temporal cando a nave que conducía ao bispo pasaba o estreito de Rande, póndose en transo de naufragar. Tras unha brava loita da tripulación cos furiosos elementos, o mar guindou á embarcación na praia de San Adrián de Cobres.
A quebrantada saúde de frei Lucas Ramírez resentiuse aínda máis con este episodio. O 19 de marzo do ano seguinte falecía en Tui o virtuoso e sabio prelado, que asinaba co título de arcebispo-bispo de Tui, xa que, fora elixido arcebispo de Bogotá, in partibus.
11 de decembro de 1773. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)