Este xoves comezaron os traballos de demolición parcial do edificio situado no número 7 da rúa Colón para garantir a seguridade na súa contorna. O Concello que Tui, tras a declaración de ruína do inmoble, ante a situación de deterioro que presenta, no mes de xullo requiriu aos propietarios, neste caso á Xunta de Galicia, para garantir a seguridade no mesmo e evitar posibles danos ou o colapso da edificación co paso do tempo.
Ademáis, tamén este xoves a Xunta comezou a executar estes traballos de desentullo, seguridade e estabilidade do inmoble tras o requirimento realizado polo Concello de Tui para manter o inmoble en condicións de seguridade, salubridade, ornato público e decoro. Así débense executar obras de demolición parcial da edificación ata alcanzar a estabilidade e seguridade da edificación. Entre as actuacións requiridas está a retirada das tellas e dos elementos en perigo de desprendemento da cuberta, así coma a limpeza de entullos do interior e exterior do inmoble.
O Concello de Tui busca así manter as condicións de seguridade para os viandantes nesta rúa, que conta con gran tránsito de persoas.
Travesía de San Domingos
O Concello de Tui recepcionou esta semana as obras de renovación da Travesía de San Domingos executadas ao logo dos últimos meses cun investimento que acadou case os 450.000 euros, financiados con cargo ao Plan Concellos 2022-23 da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a técnicos municipais e representantes da empresa construtora estiveron esta mañá na rúa comprobando os traballos executados nun tramo de algo máis de 200 metros dende a intersección desta travesía coa rúa Antero Rubín até a Travesía de San Francisco. Con esta actuación impúlsase a mobilidade e accesibilidade neste ámbito, permitindo recuperar a esencia tradicional desta vía singular que conecta o centro de Tui coa Igrexa de San Domingos.
Os traballos comezaron coa renovación tanto da rede de abastecemento coma da de saneamento, procedendo a realizar a separación entre augas pluviais e fecais. Tamén foron soterrados os servizos de electricidade, telecomunicacións e procedeuse á instalación da canalización de gas. A rúa mellorou en accesibilidade e funcionalidade e as obras contemplaron tamén a instalación de novas luminarias e de mobiliario urbano, así coma dun panel informativo.
Senda peonil á beira do Miño
Por outra banda, percorrer a senda fluvial entre a praia de Areeiros en Guillarei e O Penedo en Caldelas xa é posible grazas ao traballo realizado ao longo do último ano polo Obradoiro de Emprego que hoxe foi clausurado en Tui.
O acto de clausura, celebrado na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, contou coa participación do alcalde de Tui, da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, do xefe Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Pontevedra, José Antonio Rodriguez Fachado, do delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, e da directora do Obradoiro, María Dolores Pérez.
Enrique Cabaleiro felicitou ao alumnado polo “magnífico traballo realizado” nunha obra complexa realizada nun ámbito con múltiples afeccións. Salientou a aposta que dende o Concello de Tui se fai pola formación e o emprego, e tamén o compromiso da Xunta que nos últimos anos destinou máis de 2 millóns de euros aos catro obradoiros de emprego e aos tres Programas Integrados de Emprego desenvolvidos no municipio, que permitiron mellorar a empregabilidade das persoas participantes nestas iniciativas. Precisamente dirixíndose ao alumnado deste último obradoiro salientou, Enrique Cabaleiro, que seguramente o de hoxe era un día de sentimentos encontrados, xa que por unha banda tiñan a satisfacción do traballo rematado, pero por outra o remate da súa relación laboral co concello. Nese senso animounos a emprender ou buscar traballo por conta allea, en dous sectores onde se demandan profesionais no mercado laboral.
A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salientou que que ao alumnado das dúas especialidades, forestal e madeira, fixo moito máis do que figura no certificado de profesionalidade que agora reciben. Afirmou a edil que “construíchedes algo importante” engandindo que queda “un legado para a veciñanza” sinalando que “temos agora unha senda que mellora a calidade de vida dos e das tudenses, pero tamén a atrae a moitas persoas visitantes”. Salientou amais a súa satisfacción polo feito de que este proxecto teña contribuído á formación de futuros profesionais.
Pola súa parte o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou tamén o traballo extraordinario desenvolvido polo Obradoiro, sinalando que non só a obra realizada é importante, senón tamén a formación do alumnado. Destacou o investimento de 540 mil euros da Xunta de Galicia para a impartición deste obradoiro.
Por último a directora do Obradoiro, sinalou que “hoxe celebramos o fin deste obradoiro marcado polo esforzo, o traballo e o compromiso de cada un de vos”.
Dende o seu comezo en decembro de 2023 as 20 persoas participantes no Obradoiro de Emprego Senda do río Miño: Areeiros-Penedo, realizaron un total de 1.920 horas de formación nas especialidades de forestal e carpinteiría. O obxectivo foi a realización dunha senda ao longo do río Miño nun tramo de 6.535 metros. A intervención realizada permitiu mellorar a accesibilidade, habilitando zonas de lecer e descanso, para o que realizaron a instalación de mobiliario, sinalizacións e estruturas de paso.
Co realización desta senda é posible ir camiñando pola beira do río Miño dende a vella Ponte Internacional até a parroquia de Caldelas.
Inauguración
Por outra banda, este sábado, 14 de decembro, terá lugar a inauguración das obras de rehabilitación do edificio municipal situado da rúa Camilo José. O acto contará coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; da concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, e do arquitecto responsable da obra, Daniel Torres Campos. No mesmo contarase cunha pequena actuación musical a cargo do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
O Concello de Tui obtivo 793.725 € para o financiamento desta obra a través do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP) das Entidades Locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para o financiamento desta obra.