O proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea, que se centra en cartografiar a Vía Láctea, entra nunha nova fase logo que a ESA confirmase este mércores a finalización das observacións científicas da nave espacial Gaia, lanzada o 19 de decembro de 2013. Dende entón e ata a actualidade, a sonda Gaia acumulou máis de 3 billóns de observacións duns 2000 millóns de estrelas e outros obxectos, construíndo o mapa máis grande e preciso da Vía Láctea. Aínda que o tanque de combustible de Gaia se está a esgotar, a misión continuará, dunha banda, coa programación de probas tecnolóxicas para as vindeiras semanas, antes de que a sonda se traslade a súa órbita de retiro e, doutra, coa programación de dúas publicacións masivas de datos, unha previsiblemente o vindeiro ano 2026, e outra, a finais desta década.
Vencellada ao proxecto desde o ano 2006, xunto co Galician Group for Gaia, integrado a súa vez no consorcio DPAC (Data Processing and Analysis Consortium), do que forman parte uns 450 profesionais internacionais, a catedrática de Física Aplicada e investigadora do CIM-UVigo Ana Ulla explica que “o enorme volume e precisión dos datos astronométricos de Gaia, para case 2000 millóns de estrelas, proporcionaron resultados moi relevantes” e pon como exemplo o coñecemento tan preciso que agora se ten da estrutura, distribución de masas, dinámica e historia evolutiva da Vía Láctea, “incluíndo aquí a caracterización de correntes estelares e dos restos doutras galaxias que foron no seu día engulidas pola nosa, xunto á capacidade de predicir colisións galácticas futuras”.
Intenso procesamento de datos
Ao longo destes anos, o traballo de Ana Ulla no proxecto Gaia, xunto aos integrantes do Galicia Group Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez da UDC, centrouse, por unha banda, nunha parte máis técnica, relacionada coa documentación de procedementos na extracción de parámetros físicos (temperatura, luminosidade, gravidade, etc.) das estrelas e, por outra, “máis propiamente de colaboración na explotación científica, para diferentes casos de estudos, como, por exemplo, a análise das características e propiedades das nebulosas planetarias, estrelas post-AGBs ou subananas quentes”.
Agora, co remate das observacións científicas da nave espacial Gaia, o labor da astrofísica da UVigo en relación co procesamento de datos intensifícase. “En DPAC estamos a traballar arreo na produción do 4º catálogo de datos, que posiblemente sexa público no ano 2026, e que conterá milleiros ou millóns de obxectos de todas as categorías, dende corpos do Sistema Solar, ata exoplanetas ou galaxias moi afastadas”. Ulla destaca que as posibilidades de traballo estatístico, mesmo empregando IA, son fabulosas con tantos datos, “a miña contribución seguirá nas parcelas, unha máis técnica e outra máis científica, neste contexto de terabites de datos por procesar. Estaranse ademais abrindo algunhas novas liñas de traballo científico a explorar con novos colaboradores e todo isto é parte do que está a facer a investigación tan gratificante”. Así mesmo, a catedrática apunta a existencia de plans preliminares para a produción dun 5º catálogo Gaia, de xeito que a misión completa pode durar ata o ano 2030 ou máis.
Aprendizaxe profesional e humano e un emocionante descubrimento
Ana Ulla valora de xeito moi positivo a oportunidade que lle está a brindar este proxecto de traballar cun grupo interdisciplinario, entre astrofísica e enxeñaría informática, e investigar a tan alto nivel. “Considero que aprendín moitas cousas interesantes, desde un punto de vista profesional, pero tamén humano”, explica a catedrática da UVigo.
En canto ao que considera o descubrimento máis salientable dos realizados no transcurso do proxecto, Ana Ulla apunta ao de Gaia BH3, o maior buraco negro estelar binario na Vía Láctea, mediante unha enorme precisión na medición dos movementos peculiares da súa estrela compañeira. “Aínda que era o terceiro burato negro descuberto por Gaia, este ten unha masa unhas 33 veces maior que a do Sol, sento por tanto o máis masivo obxecto do seu tipo na nosa galaxia. Dicimos que Gaia BH3 é un buraco negro ‘dormente’ porque, en principio non acumula materia da súa compañeira e non emite radiación detectable, como noutros sistemas binarios”, detalla a investigadora, que destaca a importancia deste descubrimento inesperado, inusual e de enorme importancia para os estudos de evolución estelar, en xeral, e que “de paso foi moi emocionante”, asegura.
O mellor mapa da Vía Láctea
O traballo de cartografiado de posicións, distancias, movementos, cambios de brillo e composición e outras características das estrelas ao monitorizalas cos seus instrumentos, permitiu a Gaia cumprir co seu obxectivo principal de construír o mapa máis grande e preciso da Vía Láctea. «Contén cambios importantes con respecto aos modelos anteriores, porque Gaia cambiou a nosa impresión da Vía Láctea. Incluso se revisaron as ideas básicas, como a rotación da barra central da nosa galaxia, a deformación do disco, a estrutura detallada dos brazos espirais e o polvo interestelar cerca do Sol», sinala Stefan Payne-Wardenaar, visualizador científico do Instituto Max Planck de Astronomía, Alemaña, que asegura que, aínda así, as partes distantes da Vía Láctea seguen a ser conxeturas fundamentadas en datos incompletos. “Con máis publicacións de datos de Gaia, a nosa visión da Vía Láctea será aínda máis precisa”, afirma.
Ademais do buraco negro Gaia BH3, a nave espacial Gaia proporcionou órbitas de precisión milimétrica de máis de 150.000 asteroides e ten medicións de tan alta calidade que descubriu posibles lúas arredor de centos deles. Tamén creou o mapa tridimensional máis grande de arredor de 1,3 millóns de cuásares, co máis afastado brillando cando o Universo tiña só 1.500 millóns de anos.