Tras darlles a benvida nos campus de Ourense e Pontevedra, a UVigo recibiu este venres no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais aos 173 estudantes internacionais que acaban de chegar á cidade olívica para estudar nalgunha das escolas e facultades do seu campus o segundo cuadrimestre.
Súmanse aos 218 que xa chegaran á cidade o pasado mes de setembro -188 para estudar aquí o 1º cuadrimestre e 30 para quedar o curso completo-, o que sitúa a cifra de alumnado internacional no campus de Vigo en preto de 400 estudantes, o 75% do total que recibiu este curso a institución (517).
Déronlles a benvida os directores das áreas de Internacionalización e Multilingüismo, Iago Pozo e Óscar Ferreiro, así como representantes da Oficina de Relacións Internacionais e o Centro de Linguas, con María Pardal e Ángeles Tomé á cabeza, que lles explicaron polo miúdo os detalles que os poden axudar a mellorar a súa estancia en Galicia, tanto dentro como fóra das aulas.
A FFT concentra o 25% do alumnado internacional da UVigo
A Facultade de Filoloxía e Tradución mantén, un ano máis, o liderado como o centro da Universidade de Vigo que máis alumnado internacional acolle. En total este curso elixiron esta facultade 126 alumnas e alumnos procedentes de 22 países. Son preto do 25% do total de alumnado internacional recibido este curso na Universidade de Vigo -porcentaxe que se eleva ata o 32% se só se ten en conta o campus vigués-.
Séguena, a moi longa distancia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 71 estudantes de 16 países, e as escolas de Enxeñería Industrial (69 mozas e mozos de 18 países ) e Telecomunicación (44 alumnas e alumnos de 14 países). O resto repártense entre as facultades de Bioloxía (19), CC Xurídicas e do Traballo (17), Comercio (16) e resto de centros do campus.
De Corea a Portugal pasando pola Illa Reunión
A listaxe de países de procedencia roza a corentena. Chegan maioritariamente de Europa, con países como Italia, Polonia, Francia e Alemaña á cabeza, pero cada vez é máis habitual a presenza de países extracomunitarios, tanto de América, como de Asia e África. Por citar algúns exemplos, entre as nacionalidades das mozas e mozos que elixiron este curso a cidade de Vigo como destino das súas estadías internacionais, pódense citar a mexicana, brasileira, arxentina, palestina, cabo verdiana, estadounidense, canadense, coreana ou taiwanesa.
Corea do Sur é, precisamente, o país de procedencia de Kanghee Yun que optou por cursar o segundo cuadrimestre na UVigo logo dunha viaxe de varios meses polo norte de España, “gustoume moito e decidín vir aquí”, explica. Estudante de Negocios Internacionais na súa universidade de orixe, Yun asegura que tanto o campus de Vigo, “este edificio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais é realmente bonito”, como a cidade lle gustan moito e refírese a Vigo como ‘chilling’, moi tranquila, “comparada coa cidade grande da que veño”.
Pola súa banda, Inès e Naëva son orixinarias da Illa da Reunión e nos seus estudos de Tradución a UVigo é unha das institucións coa que a súa universidade mantén colaboracións. “Vimos para mellorar o noso español e para vivir unha experiencia de mobilidade”, explica Naëva, que xunto a Inès vén ao campus en autobús desde Pontevedra. Ambas aseguran que “nos gusta moito a Universidade e a cidade, aínda que chove moito, pero non tanto como en París”.
Pedro e João Miguel son de Porto e de Lisboa, respectivamente, e elixiron o campus de Vigo como destino para estar, no caso do primeiro, “preto da miña moza que tamén está a realizar un Eramus no campus de Pontevedra e tamén para estar nun lugar próximo á miña familia”. Ambos estudan ADE nas Azores e este cuadrimestre continuarán os seus estudos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, “nun campus que nos gusta, moi tecnolóxico e nunha cidade grande como Vigo, aínda que máis pequena que Lisboa ou Porto”, explica Pedro, mentres João Miguel destaca que “vivimos no centro da cidade e en Vigo hai moitas actividades que facer”.