A compañía lucense Tarabela Creativa, formada por Carmen Conde e Diego Gallego, achega a Mondariz a súa montaxe teatral «Boa sorte, mala fama». Será no Auditorio municipal de Mondariz. Este sábado, 8 de febreiro, ás 21:00 horas.
Como a propia compañía explica, «trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis «incómoda» da nosa emigración. Para isto emprega tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv).
Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega. Con texto, dirección e narración de Carmen Conde, interpretación de Mariña Pena e voz en vivo de Nastasia Zürcher, esta obra é o resultado de dous anos de investigación en arquivos e a través de entrevistas. A entrada será de balde ata completar aforo e o espectáculo é para público maior de 16 anos.