A Deputación de Pontevedra ultima os días para que as persoas interesadas poidan participar no proceso de selección de +Talento Motor. O prazo de solicitudes, para optar á bolsa deste programa para pilotar no Campionato Galego de Rallys un coche ecolóxico rotulado coas cores da Deputación, pecharase o 19 de febreiro. O triunfador na Dacia Sandero Eco Cup, conquistada o ano pasado por Yago Martínez, o mozo seleccionado pola Deputación, recibirá apoio da institución provincial para participar na Copa Clío.
+Talento Motor ten en marcha, deste xeito, a súa segunda edición despois do éxito da primeira convocatoria desta “academia de pilotos” de automobilismo. O seleccionado na edición deste ano será elixido o próximo 23 de febreiro nunha proba na que recibirá como premio o patrocinio para participar no Campionato Galego de Rallys ao volante dun coche ecolóxico rotulado co nome da Deputación para competir na Dacia Sandero Eco Cup, a categoría ecolóxica da principal competición de automobilismo de Galicia. Ademais, a Deputación vai reforzar o apoio aos pilotos principiantes da provincia que gañen a Dacia Sandero Eco Cup.
Deste xeito, se o becado do programa +Talento Motor consegue o triunfo na Copa Dacia Sandero Eco Cup terá asegurada a súa participación na tempada seguinte na Copa Clío. Por outra banda, se o triunfador desta categoría ecolóxica, malia non ter participado no +Talento Motor, cumpre os requisitos de ser pontevedrés, principiante e cunha idade comprendida entre os 18 e 24 anos poderá optar tamén ao patrocinio para competir na Copa Clío.
Esta “academia de pilotos” é un programa pioneiro impulsado polo goberno provincial o pasado ano e que regresa neste 2025 con “enerxías renovadas”, pois o ente provincial incrementa o seu apoio ata os 15.000 euros, 1.000 euros máis que o ano pasado, e mantén a súa colaboración para facilitar a participación en cinco probas do Campionato Galego de Rallys: Rally Mariña Lucense, Rally de Pontevedra, Rally Sur do Condado, Rally Comarca do Carballiño e Rally San Froilán. Ademais ofrece o patrocinio adicional de 12.000 euros para participar na categoría da Copa Clio do vindeiro ano se gaña a Dacia Sandero Eco Cup.