A Deputación de Pontevedra traballa na captación de fondos europeos para investir dez millóns de euros na posta en marcha dun plan de actuación integrado baseado no modelo urbano da “cidade dos 15 minutos” (fórmula que propón que as necesidades e servizos da cidadanía estean a unha distancia camiñando ou en bicicleta menor de 15 minutos) en Baiona, Gondomar e Nigrán.
O organismo provincial acaba de presentar aos fondos europeos este transformador proxecto para converter ao Val Miñor nun territorio sostible, resiliente e de proximidade a través de actuacións para impulsar a mobilidade activa e sostible, integrar dinámicas ecolóxicas na trama urbana, fomentar o patrimonio cultural e natural e consolidar áreas de actividade e polos de servizo.
O Plan de Actuación Integrado de Entidades Locais “A cidade dos 15 minutos”, xa aprobado pola Deputación e polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, terá vixencia ata o 2029 e permitirá incrementar a calidade do espazo público, mellorar a oferta do transporte colectivo descarbonizado no Val Miñor e incrementar a seguridade viaria e a calidade urbana da contorna.
Tamén rexenerar e protexer infraestruturas verdes e azuis, impulsar o turismo sostible e desestacionalizado, fomentar o autoconsumo e autoabastecemento enerxético, incrementar as redes ciclistas e peonís amables e favorecer a conectividade ao longo do eixo marítimo e fluvial, tomando como punto neurálxico do territorio o núcleo da Ramallosa. Ademais, vai contribuír ao avance cara unha planificación ordenada e sostible das áreas urbanas do Val Miñor.
Deste xeito, e para lograr este pioneiro modelo urbano, preténdese apostar por unha contorna urbana de proximidade mellorando a conectividade, crear un espazo litoral resiliente e integrado, mellorar e ampliar a rede sociocultural, incrementar o acceso a servizos e equipamentos básicos e impulsar unha rede de equipamentos sostibles e eficientes.
Entre as actuacións que contempla inclúense a creación de novas sendas ciclopeonís e carrís de bicicleta, o impulso dunha liña de transporte público, actuacións de recuperación do espazo público e mellora da calidade urbana e iniciativas de rexeneración medioambiental e de eficiencia enerxética en instalacións municipais.