A Deputación de Pontevedra recibiu durante o mes de febreiro preto de 1.600 visitantes no Castelo de Soutomaior para asistir ás actividades promovidas desde a institución provincial no marco da campaña da camelia. A deputada de Turismo, Nava Castro, remarcou a importancia de iniciativas como esta programación, “que permite achegarse ao Castelo de Soutomaior dun xeito diferente e dinamizar a oferta con propostas encamiñadas a desestacionalizar o turismo”.
A maior porcentaxe de visitantes, tal e como explicou Nava Castro, correspóndese cos grupos que asistiron ás visitas guiadas, maioritariamente procedentes de Galicia, que representou o 77% do público. O resto divídese entre visitantes do resto de España (o 18%, en especial de Madrid, Castela e León e Andalucía) e o público internacional, que representou o 5% dos visitantes (con Portugal, Francia e mais os Estados Unidos á cabeza dos principais lugares de procedencia). A deputada de Turismo tamén subliñou que este ano detectouse un “aumento salientable respecto a anos anteriores en canto á demanda de visitas escolares xa que en febreiro rexistramos 450 alumnos e alumnas procedentes de nove centros dos concellos de Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Soutomaior e Vigo”.
As actividades deseñadas pola Deputación de Pontevedra no Castelo de Soutomaior esgotaron a totalidade de prazas ofertadas en febreiro. Ademais, 400 persoas descargaron o código QR para realizar de forma autónoma a actividade street escape, similar a un escape room pero ao aire libre na que as persoas participantes deben resolver enigmas e probas nos xardíns do castelo a través dunha ruta circular de dúas horas. Gratuíto e para todos os públicos, só é necesario un teléfono móbil con conexión a Internet para poder ler o código, que está dispoñible no despacho de billetes do castelo.
Novas actividades
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana novas actividades ao abeiro da programación da camelia no Castelo de Soutomaior coincidindo coa temporada de floración deste exemplar que se ten convertido en símbolo das Rías Baixas. En concreto, entre o 11 e o 16 de marzo, terá lugar unha nova quenda de visitas guiadas temáticas polos xardíns do Castelo de Soutomaior para descubrir as camelias e a súa relación coa saíde e o vindeiro domingo 16 un obradoiro de ecoprint para adultos.
Estas visitas están dirixidas a grupos, escolares e particulares que queren descubrir a camelia dunha forma diferente, neste caso explorando as propiedades beneficiosas desta flor na cosmética natural. Cunha duración de 90 minutos e un máximo de 30 persoas por quenda, estes percorridos temáticos teñen lugar de martes a venres ás 16:00 horas e a fin de semana ás 11:00 horas. As visitas para escolares son gratuítas, mentres que as destinadas ao público xeral teñen un prezo de 3 euros e as entradas xa se poden adquirir na web do Castelo de Soutomaior. En todos os casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do Castelo, que centrarán o percorrido na floración da camelia, a evolución desta especie e a súa relación coa provincia de Pontevedra.
Ademais, o domingo 16 de marzo o Castelo acolle un obradoiro de ecoprint para público adulto. A actividade, que terá lugar ás 11:00 horas e ten xa todas as prazas esgotadas, céntrase na estampación inspirada polos herbarios, e os e as participantes traballarán coa composición das plantas, construíndo os seus propios gravados nos que as pegadas destas plantas quedarán selladas sobre láminas de papel ou tela.
Durante este mes de marzo aínda é posible gozar doutras actividades especiais a carón da camelia. Desta maneira, na semana do 25 ao 30 de marzo terán lugar os percorridos temáticos que relacionan a camelia coa literatura, cos mesmos horarios que os desta semana. Ademais, ao obradoiro de ecoprint, seguiralle un de origami “Arte con papel”, que terá lugar o 22 de marzo ás 16:30 horas, e o 23 de marzo á mesma hora desenvolverase o contacontos “Lendas que florecen”, que incluirá relatos inspirados na maxia das camelias e na historia do castelo. Estas dúas actividades están dirixidas ao público infantil, a partir dos 3 anos de idade, e teñen un prezo de 8 euros por persoa.