O vindeiro 27 de marzo, o campus de Vigo volverá ser o escenario do bioblitz, unha competición na que as persoas participantes deberán localizar, fotografar e identificar o maior número posible de especies do ecosistema da contorna nun tempo determinado. Trátase da actividade estrela da programación do Día Mundial da Vida Silvestre, unha data na que se celebra a beleza e variedade da flora e a fauna salvaxe.
Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica, que se desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación y Universidades, a actividade estará aberta a toda a cidadanía, incluído o estudantado da UVigo, que deste xeito poderá coñecer e familiarizarse coa biodiversidade do campus.
“O campus de Vigo, ao atoparse nun monte relativamente afastado da cidade, é fogar para moitas especies de flora e fauna que acompañan o profesorado e o estudantado na súa vida diaria”, explican dende a Unidade de Cultura Científica. “Queremos que a cidadanía teña a oportunidade de explorar esta riqueza biolóxica existente na nosa contorna”.
Dúas horas para localizar o maior número posible de especies
Divididos en grupos de ata cinco persoas ou de xeito individual, e guiados por colaboradores de MycoGalicia Plantae, as persoas participantes “terán que localizar, fotografar e identificar tantas especies como sexa posible no tempo de exploración, que será arredor de dúas horas”.
As persoas interesadas en participar deberán reservar as súas entradas, xa que a actividade ten un número limitado de prazas. Antes da saída, dende a praza Miralles, recibirán unha explicación sobre as técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas. A continuación, comezará o percorrido polo campus e a toma de imaxes, que serán identificadas pola aplicación, marcando a autoría, para a súa posterior verificación por parte dos guías. Tras o reconto de especies, terá lugar a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas.
O obxectivo final desta actividade é achegar as persoas ao medio ambiente e á biodiversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor.

Dende a organización aconsellan que as e os participantes leven roupa cómoda e calzado axeitado, ademais de impermeable no caso de choiva. Aínda que non é obrigatorio, tamén recomendan que as persoas que dispoñan de prismáticos, aparellos de medición e guías de campo os leven consigo para facilitar a identificación das especies. Por outra banda, e dado que a toma de mostras se realizará cunha aplicación móbil, polo menos un dos membros do equipo terá que dispor dun teléfono con conexión a internet. Dende a UCC+i tamén aconsellan descargar a app iNaturalist con antelación para familiarizarse co seu uso antes do evento.
Obradoiros e roteiros
Ademais do bioblitz, a celebración do Día Mundial da Vida Silvestre na UVigo comprende outras actividades paralelas. Están previstos varios obradoiros sobre a diversidade do solo para alumnado de centros escolares e dous roteiros científicos interxeracionais nos campus de Ourense e Pontevedra.
Na primeira das actividades, os investigadores do Grupo de Ecoloxía Animal, GEA, Celestino Quintela Sabarís e María Gómez Brandón, especialistas en ecoloxía do solo, ensinaranlle á rapazada a diferenciar os microorganismos que habitan o chan. De maneira interactiva e manipulativa, aprenderán sobre a importancia da biodiversidade para garantir a saúde e fertilidade do chan.
Pola súa banda, Silvia Romeo Río, investigadora do Grupo de BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) impartirá obradoiros sobre a mesma temática en centros da contorna ourensá.
En canto aos roteiros, servirán para a exploración dos ecosistemas naturais dos ríos Miño e Lonia en Ourense, e do río Gafos en Pontevedra, aproveitando os seus paseos fluviais. Nestas andainas, que terán lugar o día 20 de marzo en Ourense e o 18 de marzo en Pontevedra, participará a Oficina de Medio Ambiente, o alumnado do grao de Ciencias Ambientais e o alumnado do Programa Universitario de Maiores de ambas cidades.