Coincidindo co 21 de abril, Día Mundial da Creatividade e da Innovación, a UVigo lanza novas actividades coas que celebrar esta data e que se suman, nos campus de Vigo e Ourense, a todas as actividades programadas en Pontevedra ao abeiro da Semana CREA, programación que arranca hoxe e que engloba unha decena de conferencias, mesas de debate e obradoiros tanto no campus como noutros espazos da cidade.
As actividades organizadas para os campus de Vigo e Ourense chegan da man da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), englobadas dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, iniciativa que conta co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Obradoiro práctico para impulsar a creatividade nas aulas
No caso de Vigo a cita será o mércores 23 de abril ás 17.00 horas no edificio Redeiras co obradoiro gratuíto Pensamento creativo: obradoiro práctico para impulsar a creatividade na aula, dirixido a profesorado de Educación Primaria e Secundaria. A formación correrá a cargo da directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, Juli Molares Cardoso, profesora na Facultade de Comunicación, onde coordina o mestrado en Dirección de Arte Publicitaria.
Este taller, para o que aínda quedan prazas dispoñibles, propón un percorrido práctico arredor da creatividade como ferramenta educativa. Estruturado en tres bloques, comezará cunha introdución ao concepto de creatividade, desmontando mitos frecuentes e analizando as barreiras que dificultan o seu desenvolvemento nas aulas. A continuación, afondarase no pensamento lateral, como método para abordar problemas de xeito non convencional. Por último, exploraranse diversas técnicas de pensamento creativo mediante exercicios verbais, conceptuais e visuais que estimulan a asociación de ideas, o cambio de perspectiva e a resolución de problemas de maneira innovadora.
Taller para persoas migrantes en colaboración coa Cruz Vermella
A programación complétase o venres 25 de abril cun segundo obradoiro que terá lugar nas oficinas de Cruz Vermella en Ourense dirixido a persoas migrantes. Nesta caso, a formación será conducida por Joseba Delgado-Parada, investigador predoutoral FPU do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Facultade de Educación e Traballo Social.
Baixo o título Design Thinking Extremo, este taller busca mellorar a capacidade das persoas participantes para identificar e resolver problemas cotiáns, a través da metodoloxía Design Thinking, que segue un proceso estruturado con fases como empatizar, definir, idear e prototipar. Utilizaranse estratexias creativas como o uso de vídeos animados para favorecer a identificación emocional, técnicas como o Brainstorming e os Seis Sombreros para Pensar de De Bono, así como ferramentas visuais para representar solucións. A proposta, inspirada na guía de iniciación de Fernández Iglesias et al. (2020) e no repositorio Thinklusion, ten como obxectivo fomentar a empatía, reforzar a autoestima e estimular a autonomía das persoas migrantes ante os desafíos dos seus procesos de adaptación.
As persoas participantes neste obradoiro reciben apoio de Cruz Vermella dende o proxecto de Integración de Inmigrantes, para o que a organización conta co apoio da Xunta de Galicia a través de fondos IRPF. Só durante o ano 2024, foron atendidas 1113 persoas chegadas dende diferentes países, maioritariamente de Venezuela, Colombia e Cuba. O perfil habitual é unha muller de mediana idade, con responsabilidades familiares, que precisa formación prelaboral e apoio psicosocial.
Historias persoais nunha serie de cinco pódcast
Ademais, aproveitando a celebración desta actividade, a UCC+i lanzará a vindeira semana unha serie de cinco episodios en formato pódcast, protagonizados por algunhas das persoas participantes neste obradoiro. Neles recóllense historias persoais que amosan como a metodoloxía Design Thinking contribuíu na súa toma de decisións diaria. “En cada episodio abordaremos unha historia persoal, de xeito que o pódcast conforme un repositorio para outras persoas migrantes en situación de vulnerabilidade”, explican desde a organización.
Desde a UCC+i destacan, neste senso, que “a colaboración entre a Universidade de Vigo e Cruz Vermella fai posible a transferencia de coñecemento e metodoloxías innovadoras a contextos reais, contribuíndo así a crear pontes entre o ámbito académico e as necesidades da cidadanía”.