O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe os Orzamentos 2021, baseados no crecemento do investimento público, e concibidos como ferramenta para xerar actividade económica, emprego e cohesión social no marco da Axenda 2030, tal e como explicou o voceiro socialista, Carlos Font. O Orzamento, que ascende 164,5 millóns de euros, saíu adiante con 16 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións, xa que o PP abandonou a sesión ao non conseguir intervir cando o debate xa estaba rematado.
A actitude do Partido Popular foi obxecto de reproche por parte de Carlos Font: “As máis elementais normas da Democracia indican que, rematado o debate, non corresponde a ninguén máis intervir; isto é exactamente o mesmo que sucedeu no Parlamento de Andalucía cando un deputado de Vox, con moi malas maneiras, abandonou o Pleno”. “O PP provincial segue a estela de Vox”, afirmou Font, “faltáronlle argumentos durante o debate, tiveron ata que admitir a súa burda mentira sobre o asunto dos salarios do grupo de goberno, e o resultado de toda esa frustración acumulada é que decidiron no respectar a Democracia”. “Cando marcharon do Pleno, xa non tiñan claro se eran Vox ou seguían sendo o PP”.
Font pechou o debate incidindo en que o PP foi incapaz de xustificar as súas falsidades. O voceiro socialista demostrou, con datos do Ministerio de Hacienda na man, que o Goberno provincial supón un gasto dun 1,64% sobre o total do Orzamento, mentres en Ourense chega ata o 5,31%, e a media nacional está no 2,51%. Ademais, afeoulle ao voceiro do PP a súa reivindicación durante o debate do Plan de Acción Comunitaria, co que o anterior Goberno provincial subvencionaba a asociacións e entidades da provincia de maneira opaca. “Non pensei que tería que oír tal reivindicación dun plan caciquil, que repartía cartos aos amigos cun modelo que nada ten que ver co actual”.
A este respecto pediulle ao PP que sexa “valente” e se atreva a pedir a volta “ao de antes”, acabando co Plan Concellos”. Lembrou que o último Goberno dos populares, hai só cinco anos, transfería 22 millóns aos concellos, en comparación cos máis de 61 millóns de euros actuais. Nesta liña, explicoulles ás/os deputadas/os do PP que “o seu modelo, o dos últimos 40 anos” está comparecendo nunha sala de xustiza nesta mesma mañá”. O voceiro socialista pechou o debate cunha réplica ao presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dando resposta ás súas recentes críticas á Deputación de Pontevedra: “Prégolle que lle transmitan ao señor Rueda que o día que queira falamos de salarios, de sobres e de corrupción, e do que queira”. “Este é o mellor Orzamento para a provincia, porque significa futuro e respostas, mentres o PP só representa á involución”.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, César Mosquera, elevou o gasto directo en favor dos concellos, sumando diversos servizos provinciais, ata os 75 millóns de euros e subliñou que, cando todo o mundo agardaba un Orzamento á baixa, o Goberno provincial foi quen de presentar unhas contas expansivas e que apostan polo gasto público e por políticas anticíclicas cando máis falta fai. Subliñou que chegan agora, e con anticipación, para dar aos concellos a información que precisan para elaborar os seus respectivos Orzamentos municipais, a pesar de que o máis cómodo tería sido agardar a que se clarexase a situación.
Mosquera foi moi crítico co Partido Popular por “falsificar datos” ao respecto da suposta subida de salarios no Goberno provincial. “Vostedes miraron as contas cos ollos cheos de sangue e, como non atoparon nada, fixeron unha noxenta interpretación das retribucións”. Ao respecto lembrou que no Pleno de Organización, en xullo de 2019, o PP “aplaudiu coas orellas” porque en poucas institucións a oposición dispón dun trato semellante (catro dedicacións retribuídas). “Hai que telos cadrados!”, concluíu.
Carlos Font cualificou a emenda do PP aos Orzamentos como “un batiburrillo” e un “refrito sen orde de concerto, con sumas e restas que non cadran”. E aproveitou para lembrar que se a Xunta de Galicia asumira as súas competencias ao completo, en servizos como o Príncipe Felipe, a Escola de Cantería, O Areeiro ou Mouriscade, a Deputación disporía de 20 millóns de euros máis que podería poñer a disposición do municipalismo. Deseguido lembrou que a Deputación foi das primeiras institucións en aprobar liñas específicas de financiación para loitar contra os efectos da Covid e, finalmente, puxo de manifesto os erros dalgunhas das emendas do PP, como pedir que a partida para Servizos Sociais creza ata os 2,3 millóns de euros, cando xa están consignados 2,8 millóns de euros.
Os Orzamentos provinciais aprobados hoxe supoñen un crecemento dun 2,2% sobre os actuais e sitúan a débeda provincial en 0,9 millóns de euros despois de herdar case 41 millóns de euros do anterior Goberno no ano 2015. Ao mesmo tempo, consolidan unha vez máis á Deputación de Pontevedra como a que máis aposta polo municipalismo, pois o nivel de transferencias aos concellos alcanza o 35,34% dos recursos totais, dobrando a media estatal, que se sitúa nun 18,24%. As achegas aos concellos alcanzan os 61,2 millóns de euros (un 9,68% máis) e volverán situar ao Plan Concellos como elemento tractor das infraestruturas, a dinamización e a contratación dos municipios de menos de 50.000 habitantes. O Plan adáptase “ao cambio de paradigma” para que os concellos poidan dedicar boa parte dos seus recursos a necesidades derivadas do combate contra a covid19. Segundo datos do Ministerio de Hacienda, citados por Font, a Deputación de Ourense transfire un 0,03% do seu Orzamento aos concellos e outras deputacións gobernadas polo PP como Almería, León ou Cuenca, tampouco chegan ao 1%.
O deputado anticipou que unha vez incorporados os remanentes e posibles fondos europeos, a Deputación acabará manexando un Orzamento superior aos 200 millóns ao longo do ano próximo e recalcou que trátase das mellores contas para a provincia “porque converten aos concellos en protagonistas”.
A Axenda 2030 marca de forma transversal o orzamento no marco da Alianza Local #17ODS, é dicir, a estratexia da Deputación para captar fondos europeos cos que reforzar a transformación da provincia. Os Orzamentos abordan cuestións transversais como a transición ecolóxica, a dixitalización, a modernización dos sectores produtivos, o apoio á economía e os dereitos no rural, a igualdade, a mobilidade segura e creación de espazos amables, o apoio á cultura e o deporte, a transformación radical do modelo turístico e o apoio ao patrimonio e á lingua”. Ademais, como subliñou Font, o Plan Concellos permite a mobilización directa de 6 millóns de euros para axudar aos colectivos máis afectados pola pandemia.