«É unha revolución, a maior inxección de cartos aos concellos en toda a historia da Deputación de Pontevedra», dixo Carmela Silva coincidindo con Mosquera quen destacou que «nunca houbo nin a metade dos recursos para os concellos dende a Deputación, nin sequera contando con fondos europeos ou doutras administracións. Cumprimos o noso compromiso de facer un esforzo extraordinario para dotar aos concellos dos máximos recursos».
A principal novidade do Plan Concellos deste ano é que se trata dun plan bianual «por mor da vaga de lumes sufrida en outubro do 2017, co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos concellos, reforzar a súa autonomía e responsabilidade, ademais de facilitar a mellora da planificación da actividade por parte das administracións municipais». Deste xeito, serán subvencionables a recuperación de infraestruturas, equipamentos e outros bens de titularidade municipal con danos causados polos lumes.
O Plan Concellos 2018-2019 «é un plan para todos os concellos (agás Vigo e Pontevedra cos que asinamos convenios para financiar actuacións) e é un plan de equidade, que introduce desde a súa primeira edición novidades con respecto aos programas de cooperación anteriores», destacou Silva.
Así, a presidenta da Deputación recordou que no Plan Concellos se simplificaron e integraron programas distintos de subvencións financiados con fondos propios da Deputación, se eliminou a discrecionalidade, desapareceu a libre disposición e se realizou unha distribución da totalidade dos fondos entre os concellos aplicando bases e criterios obxectivos e transparentes. Amais, respéctase a autonomía local, permitindo que sexan os concellos os que decidan as actividades que subvencionan coas achegas provinciais e as súas prioridades.
O plan bianual conta, ao igual que o ano pasado, con tres liñas. A primeira delas está destinada a investimentos e conta con 28.501.200 euros, é dicir, un 10,7% máis que no 2017, aos que hai que engadir os 30 millóns de euros da liña 1 do Plan Concellos 2019, «polo que estamos a falar de 58.501.200 euros a disposición dos concellos nesta liña». A liña 2 está centrada na amortización, pagamento de débedas e gastos correntes así como para financiar actos culturais, sociais, deportivos e educativos, e está dotada con preto de 4 millóns de euros. Pola súa banda, a liña 3 está destinada ao fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, e conta con 9.540.000 euros, un 2,5% máis que no 2017.
A distribución dos recursos entre os concellos responde a criterios obxectivos e transparentes, baseados na poboación, superficie, núcleos de poboación e densidade.
Así, establécense tres grupos de concellos: o grupo 1 está integrado por concellos de ata 10.000 habitantes que reciben o 44% do Plan, é dicir 36.680.000 euros; o grupo 2, composto polos concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes que reciben o 34% do plan, 24.480.000 euros e o grupo 3, cos concellos entre 20.001 e 50.000 habitantes que reciben o 22% dos recursos, é dicir, 15.840.000 euros.
«Un ano máis, –declarou Carmela Silva – máis cartos para os concellos máis pequenos xa que estamos a falar de que os concellos de menos de 20.000 habitantes recibirán o 78% dos recursos, máis de 56 millóns de euros, e os concellos máis grandes o 22% restante, preto de 19 millóns de euros».
O Plan Concellos distribuirá no 2018 42 millóns de euros nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, é dicir, un 2% máis que no 2017.
A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción porque «todos os concellos incrementan as súas contías e todas as comarcas reciben máis recursos, amais de que aqueles concellos que queiran afrontar obras de maior envergadura poderán facelo empregando os 30 millóns da liña 1 do 2019. Así, ao longo do 2019 a Deputación de Pontevedra porá a disposición dos concellos 72 millóns de euros, aos que hai que sumar 1 millón de euros dos anticipos sen xuros e 8 millóns xa aprobados do Plan de Reequilibrio».
Carmela Silva repasou tamén a evolución da distribución dos recursos desde o 2015. Deste xeito, a presidenta provincial subliñou que «seguimos a apostar pola equidade, por máis dereitos e por máis recursos xa que pasamos dos 24 millóns de euros en concorrencia competitiva do 2015, aos 40 millóns do 2016, 41,2 do 2018 e os 42 millóns do Plan Concellos do vindeiro ano aos que hai que sumar os 30 millóns de euros da liña 1 do 2019».