A Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras administracións provinciais do estado en encargar un estudo de análise sobre o impacto da pandemia do Covid19 no turismo, a fin de ter un “diagnóstico rigoroso con tendencias e datos”, que permitan avaliar a situación con seguridade e certeza a fin de tomar as mellores decisións “para un sector que posiblemente foi o primeiro en sufrir as consecuencias da crise e que pode ser dos últimos en saír dela”.
A presidenta, Carmela Silva, deu conta hoxe deste exhaustivo estudo de análise na reunión do Comité de Seguimento do COVID19, unha diagnose que estará finalizada este mes “e do que disporemos xa nos primeiros días de maio. Queremos coñecer, engadiu, as tendencias de por onde vai ir o turismo no corto e no medio prazo para poder traballar o antes posible en reorientar o noso modelo para a provincia”.
Co mesmo obxectivo, a presidenta da Deputación tamén informou da inminente elaboración dun novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra. “Estaba previsto en 2021, porque o plan que temos en vigor remata aínda no próximo decembro, pero temos que anticiparnos para desenvolver accións que nos permitan enfrontar o que, sen dúbida, será unha nova realidade”.
Carmela Silva insistiu na necesidade de traballar en colaboración con todas as administracións e anunciou que o vindeiro xoves reunirá á Mesa provincial de Turismo. “Temos que traballar xuntas para ser capaces de implementar accións conxuntas. De feito nesa liña tivemos a reunión telemática coa Rede de Destinos Intelixentes de España, e o xoves celebraremos a Mesa provincial para a que xa temos convocado ao sector, aos concellos, geodestinos, aeropuerto de Vigo e Xunta, para tomar decisións”. Nese sentido, a presidenta provincial agradeceu ao Conselleiro de Turismo “que escoitase a demanda que a Deputación de Pontevedra lle fixo o pasado día 3 para reunir aos destinos galegos, e nos convocase para mañá martes á reunión do Consello Reitor”.
Silva volveu a mostrar a súa preocupación “por un sector que ten tanto peso na nosa provincia onde, amais, tiñamos experimentado un crecemento exponencial sendo un destino moi ben posicionado que non queremos perder. Por elo as administracións temos que ser moi activas”. “Estou convencida, dixo a presidenta, que imos saír xuntas desta situación, e coa unidade do sector público e privado sairemos fortalecidos”.
Amais destas convocatorias, a Deputación potenciará aínda máis as súas accións, entre elas, a ampliación das edicións anuais da aceleradora para empresas turísticas, a fin de chegar as TIC a máis establecementos. Tamén se incrementará a formación para a calidade e a excelencia das empresas SICTED, na que máis de cen establecementos seguiron on line os cursos para a obtención ou revalidación do certificado; tamén se impulsarán novas iniciativas de promoción da provincia como as campañas “Viaxa Mañá” o “21 días, 21 destinos” que están a ter moita repercusión nas redes, ou de turismo de natureza como “Aves desde Casa”.
En definitiva, información constante sobre o destino de “Pontevedra Provincia”, tanto de interior como de costa, na web institucional e na de Turismo Rías Baixas. “Hoxe estamos na casa, rematou Carmela Silva, pero para o día que xa podamos saír temos que traballar para estar completamente preparados e dicirlle a xente que pode volver, que somos un destino seguro, saudable, e coa diversidade e a beleza de sempre”.