O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de reclamar á Xunta de Galicia a inmediata actualización do módulo/hora que paga aos concellos pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dado que abona só 9,70 euros/hora por un servizo que está a ser adxudicado en cifras próximas ao dobre, causando así un forte impacto nas economías municipais. O acordo foi adoptado no Pleno cos votos favorables do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do PP.
O goberno provincial destaca que o SAF xestiónase polos concellos pola súa proximidade ás persoas usuarias, pero trátase dun servizo de competencia autonómica ao estar encadrado dentro do Sistema Nacional para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). A Xunta finánciao cun módulo horario que está conxelado dende o ano 2016, que quedou totalmente desfasado polo transcurso do tempo, polo impacto da pandemia e, fundamentalmente, tralo incremento do Salario Mínimo Interprofesional no ano 2020.
A Deputación denuncia que a Xunta vén de recibir este ano 45 millóns de euros extra para reforzar a atención á Dependencia e que o SAF é o piar da atención en Galicia. Por tanto, esixe a actualización inmediata do módulo que perciben os concellos, cando menos a 12 euros por hora de prestación. Ademais, solicítase un compromiso da Consellería de Benestar para seguir actualizando o módulo durante os dous próximos anos ata alcanzar o 100% do custo real en prezos de mercado. Finalmente, a Deputación pide un gran pacto galego entre tódalas forzas políticas para manter no futuro un sistema de financiamento do SAF “xusto e equilibrado”.
Carlos López Font, voceiro do grupo socialista, subliñou que o SAF converteuse “nun problema que indigna a tódolos alcaldes e alcaldesas de Galicia, incluídos os/as do PP, un quebranto especialmente grave para os concellos máis pequenos, que son incapaces de seguir asumindo o crecemento no custo”. Por este motivo esixiu que se “desconxele” o prezo que paga a Xunta por un servizo autonómico no que os concellos deberían limitarse a colaborar na xestión e que se deixe de “afogar” unhas economías municipais que xa están exhaustas por tódalas competencias impropias asumidas durante a pandemia.
O “período nefasto” de Rajoy
Font explicou que un informe da FEGAMP subliña que as persoas demandantes de SAF aumentaron nun 19% nesta crise sociosanitaria e fixo un repaso ao “período nefasto para a atención á Dependencia do Goberno de Rajoy”. Así lembrou que durante esa etapa recortáronse 2.600 millóns ao Sistema Nacional e 126.000 persoas faleceron agardando que se lles recoñecera a prestación. Despois desta herdanza, continuou, o actual Goberno de España puxo en marcha un plan de choque dotado con 3.600 millóns para o trienio 2021-2023. Froito disto a Xunta recibe este ano 45 millóns de euros a maiores. Unha cifra, destacou o voceiro do PSdeG-PSOE “moi significativa, pois supón nada menos que o 54% sobre os 83,6 millóns de euros que a Xunta dedica este ano ao SAF”. “E non sabemos a que van dedicar eses cartos”, engadiu. “Dar máis horas aos concellos está moi ben, pero ten que aportar financiamento, porque, se non, estamos no de sempre: que a Xunta invita e os concellos pagan”. Finalmente, afeou ao PP que, “dende a Deputación, dende o mundo local non alce a voz para pedir que o prezo se actualice”.
O vicepresidente provincial e voceiro do BNG, César Mosquera, ironizou sinalando que neste asunto “igual estamos todos enganados, non hai ningún problema e mesmo temos que darlle ás gracias á Xunta de que pague a metade do que ten que pagar”. Facendo un repaso histórico subliñou que o SAF é un exemplo típico de delegación de competencias dende a Xunta aos concellos: “primeiro págano todo, logo a medias e logo nada”. “Estamos nun auténtico follón, porque a veciñanza recibe a mensaxe de que a Xunta “mandou” máis horas, pero o Concello non dá feito para adxudicalas”. Por todo elo, avogou por resolver a raíz do problema que é a financiación da hora cun prezo xusto.