O Comité de Seguimento da Deputación de Pontevedra fronte ao COVID19 reuniuse este domingo baixo a presidencia de Carmela Silva e a vicepresidencia de César Mosquera para, unha vez coñecidos todos os detalles do Real Decreto de Alarma pola situación de emerxencia sanitaria, tomar a decisión de suspender de xeito provisional para este luns a presenza de traballadoras e traballadores en todas as dependencias provinciais. A medida xa foi trasladada a todo o persoal mediante unha orde de servizo amais da información do emprego das tecnoloxías para realizar o traballo remoto.
O obxectivo é a reorganización ao longo deste luns de todos os servizos cara a procurar nas próximas dúas semanas a mínima presenza do persoal e facilitar, dentro do posible, o traballo remoto a todas aquelas traballadoras e traballadores que non formen parte dos Servizos Esenciais segundo os protocolos aprobados polas autoridades. Neste sentido, o persoal crítico queda excluído desta suspensión provisional, exclusión que implica ao Centro Príncipe Felipe, que mantén a súa actividade ao cen por cen; as direccións xerais e habilitados/as nacionais; as Xefaturas de Servizo; a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Finca Mouriscade; unidades de vixilancia, telefonía, Rexistro Xeral; brigadas de garda, programa Revitaliza e CAU da Deputación.
Tamén, para manter o servizo público, será obrigada a presenza do persoal imprescindible de Novas Tecnoloxías, Secretaría Xeral, Intervención, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais. Toda persoa que traballe verá reforzadas as medidas de seguridade, distancia, limpeza e hixiene que se extreman ao máximo.
A presidenta Carmela Silva expresou o seu “agradecemento ao persoal da Deputación pola súa colaboración, traballo e afecto”, e apelou a súa comprensión e apoio. “Sei que é un momento complicado e que son medidas contundentes, pero tomámolas coa máxima responsabilidade porque van permitir que as traballadoras e traballadores poidan desenvolver a súa actividade con seguridade”. “As administracións públicas, dixo Silva, estamos obrigadas nesta situación de emerxencia sanitaria a tomar decisións que permitan salvagardar a seguridade da cidadanía e do noso persoal. So temos un obxectivo, engadiu, frear o virus e estámolo a facer na compaña de moitas funcionarias e funcionarios que están deixando o mellor de se mesmos para logralo”
A orde de servizo, comunicada hoxe ás e aos traballadores, tamén contempla a suspensión con carácter indefinido do traballo presencial de mulleres embarazadas ou lactantes, ou empregados/as que convivan con elas; persoas declaradas de risco polas autoridades sanitarias ou as que convivan c0n elas, así como aquelas que convivan con persoas maiores ou con enfermidades crónicas.
As novas medidas e as que se deriven da reorganización dos servizos provinciais serán incluídas nunha nova resolución presidencial que se fará pública este luns para a súa aplicación inmediata.