A Xunta de Galicia ten aberta unha orde de subvencións dotada de 300.000 euros co fin de instalar ata 4.000 pantallas para que coa paulatina recuperación da normalidade, tras meses de confinamento, o transporte público facilite os desprazamentos cotiás con seguridade. Os taxis ou os vehículos de turismo con condutor van voltando á normalidade, pois os viaxeiros xa poden ocupar todos os asentos, incluído o contiguo ao condutor, aínda que este debe ser o último en ocuparse.
Nestes vehículos, ás medidas de hixiene e prevención establecidas súmase a disposición de pantallas protectoras, que proporcionan maior seguridade tanto aos taxistas como aos usuarios, ao minimizar o contacto entre ambos. O sector do transporte de viaxeiros é unha actividade económica punteira que xera emprego e riqueza na comunidade, pero tamén supón a vertebración dos territorios, a cohesión social e a mellora da calidade de vida das persoas. Son moitos os cidadáns que cada día volven empregar o autobús, o ferrocarril ou o taxi para achegarse aos postos de traballo, a centros administrativos, aos equipamentos sanitarios ou aos espazos comerciais.
A distancia física, o uso de máscaras e o incremento das medidas de hixiene son regras que xa estamos a incorporar ao noso día a día. Estes hábitos na rúa ou no supermercado tamén teñen que estar presentes no uso do transporte. O transporte público, precisamente, está a desempeñar un papel esencial na volta da sociedade á normalidade, facilitando estes días os reencontros co traballo, a familia ou os distintos servizos. Para isto, cómpre dispoñer dunha rede de transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns, pero ademais neste período que estamos a vivir, debe primar a mobilidade segura.
As Administracións veñen reforzando o diálogo co sector, a implantación de medidas de protección e as campañas de concienciación para garantir os desprazamentos seguros, pero isto non é suficiente. É preciso sumar os esforzos do conxunto da sociedade, polo que está nas mans dos cidadáns tomar as precaucións necesarias. Debemos actuar con responsabilidade, por nós e polos demais.
Crecemento no uso do transporte público
Debemos e podemos viaxar no transporte colectivo con confianza e para isto, os profesionais do sector e a Administración veñen traballando da man na implantación de medidas de protección fronte ao coronavirus.
Desde comezos de maio estase a observar unha tendencia de crecemento na utilización do transporte público, ao terse duplicado xa o número de viaxeiros con respecto ao período de confinamento. Nunha comunidade como Galicia, caracterizada pola súa dispersión xeográfica e polo envellecemento da poboación, cobra aínda máis relevancia a eficacia do sistema de transporte público.
Os galegos xa veñen empregando no autobús tarxetas como a TMG ou a ‘Xente Nova’, coas que a Xunta fomenta o uso do transporte público, contribúe á economía das familias e impulsa unha mobilidade máis sustentable.
Tarxetas de transporte metropolitano
A TMG vén permitindo nos últimos anos descontos nas tarifas das viaxes dentro das áreas do Plan de Transporte Metropolitano. Estes incentivos chegarán nos vindeiros meses a toda a comunidade, grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia na súa totalidade. Coa tarxeta ‘Xente Nova’ os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses interurbanos da Xunta. Ata agora só era posible nas áreas do Transporte Metropolitano (A Coruña, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol), pero está a estenderse progresivamente ao conxunto da autonomía.
No marco desta expansión, dende o 15 de xuño este dispositivo xa pode empregarse en toda a provincia de Ourense e na área de Pontevedra. Ao final de ano estará funcionando en toda Galicia. Estas tarxetas, ademais de achegarlle á cidadanía vantaxes económicas e sociais, están a constituír actualmente un método de pago máis seguro para evitar posibles contaxios.
O nivel de ocupación do transporte público tamén foi evolucionando de xeito paralelo á progresión da pandemia. A día de hoxe, os usuarios dos autobuses poden facer uso da totalidade dos asentos, pero sen esquecer a máscara.