A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este sábado de que, na última actualización, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascende a 135. Deles 55 son da área da Coruña, 7 da de Lugo, 15 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 23 da área de Vigo, 17 da de Santiago, e 5 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, infórmase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na nosa Comunidade Autónoma.
Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 27 están en unidades de hospitalización e 101 no domicilio. Por outra banda, rexistráronxe xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Ademais, hai un falecemento na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía, que se atopaba ingresada no Hospital Povisa, e que dera positivo na proba de coronavirus. «Tratábase dun caso importado», asegura Sanidade.
O total de probas realizadas polo Sergas é de 1.087.
Uso do 061 para casos graves; 900 400 116 para dúbidas
Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias graves e aconsella utilizar o gratuíto 900 400 116 para dúbidas ou síntomas leves.
O Sergas ten a disposición da cidadanía a web https://coronavirus.sergas.es na que se pode consultar información dirixida á poboación, profesionais sanitarios e outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego apunta que reforzou con máis persoal o teléfono 900 400 116. Aquí dará información xeral e pódense resolver todas as dúbidas sobre sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade. Así, lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Tamén, extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse. Igualmente, cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.