O lume de Lalín iniciouse a mediodía do luns ás 13:16 horas e segundo as estimacións provisionais afecta a unha superficie de 21,25 hectáreas, das cales 21 son de monte raso. Na súa extinción están a traballar 1 técnico, 3 axentes, 12 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 1 avión.
Activo Lobios
O lume rexistrado ás 14:30 horas na parroquia de Torno, no concello ourensán de Lobios, permanece activo. Segundo novas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 35 hectáreas.
Nas tarefas de control participan 1 técnico, 4 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 2 avións. Un dos peóns que estaban traballando no lugar sufriu un golpe de calor e tivo que ser trasladado ao centro médico.
Estabilizado Ribas de Sil
Por outra banda, o incendio do concello lugués de Ribas de Sil, parroquia de San Clodio, quedou estabilizado ás 20:05 horas tras comezar esta tarde ás 15:43 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 18 hectáreas. Están traballando no seu control 2 técnicos, 4 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 2 avións.
Na extinción deste lume resultaron feridos 5 integrantes do operativo. Deles, 4 de carácter leve e o quinto, que foi trasladado a un centro hospitalario da Coruña, de carácter grave. Trátase dun técnico, un axente e un condutor de motobomba (o único grave) que sufriron queimaduras debido a un cambio de dirección no vento que provocou unha variación brusca do sentido das lapas; un peón que sufriu un golpe de calor e outro condutor de motobomba que presenta contusións tras envorcar o vehículo que conducía.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.