Os 52 concellos da provincia de menos de 20.ooo habitantes xa teñen a súa disposición case 2 millóns de euros da Deputación de Pontevedra, correspondentes ás primeiras medidas activadas polo goberno provincial para facer fronte ao Covid-19. Trátase da Liña de Axudas Extraordinarias, cun importe de 1,3 millóns de euros, e do adianto do 100% das axudas de emerxencia dotadas con outros 500.0000 euros. En concreto, os 52 concellos pediron o adianto das de emerxencia e solicitaron a liña de axudas extraordinarias, aínda que tres deles están a cumprimentar a documentación e poderán ter a notificación esta próxima semana.
A institución provincial xa liberou estas dúas partidas polo que os concellos dispoñen do diñeiro para facer fronte ás novas necesidades da veciñanza ao fío da crise. A estas dúas liñas súmase o adianto, tamén do 100%, do financiamento do Plan Concertado de Servizos Comunitarios Básicos e o SAF, por 2,4 millóns de euros, que agora mesmo se está a tramitar para os concellos que o solicitaron, de momento 49 dos 52.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción ante a acollida das medidas. “Temos que ter moito orgullo da resposta dos concellos desta provincia que, amais de estar na primeira liña de loita contra o COVID, seguen a traballar a pesar das dificultades para conseguir todas as axudas posibles para a súa veciñanza”.
Con esta inxección económica da Deputación, os concellos beneficiarios que a pediron están a poder financiar necesidades básicas da cidadanía e, sobre todo, da poboación máis vulnerable. Este diñeiro destínase á adquisición de alimentos, material de protección e desinfección como luvas e máscaras, así como gastos de asistencia en combustible o aluguer de vehículos para levar a compra de alimentos e medicinas aos domicilios das persoas maiores e en risco, especialmente ás que viven soas.
O obxectivo de estas medidas do goberno provincial, xunto aos anticipos do Fondo de Liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros, e á modificación da Liña 2 do Plan Concellos, por outros 3 millóns de euros, foi inxectar liquidez de xeito eficaz e case inmediato aos municipios máis pequenos, para financiar as consecuencias da crise do coronavirus. O investimento provincial total é de máis de 28 millóns de euros
Plataforma telemática para os órganos colexiados
O 71% dos concellos da provincia adheridos á administración electrónica implantada pola Deputación de Pontevedra xa solicitaron a súa integración na plataforma telemática que a institución provincial puxo a súa disposición de xeito totalmente gratuíto, para a celebración de Plenos e Xuntas de Goberno. Ata o momento xa son 38 concellos os que formalizaron a súa petición para dispor da ferramenta con total seguridade e garantía.
Así, a aplicación estará habilitada na plataforma de administración electrónica e permitirá sesións telemáticas dos órganos colexiados, así como reunións, mesas de contratación a distancia, así como traballo colaborativo entre persoal funcionario. Amais, o novo sistema, ao que se pode acceder a través de ordenadores e dispositivos móbiles, permite retransmisións en directo a través da propia sede electrónica ou plataformas nas redes sociais, garantindo unha maior transparencia.
Os concellos que ata o momento solicitaron a ferramenta son: Caldas, Covelo, Mondariz, As Neves, Redondela, Tomiño, Vilaboa, A Estrada, Cambados, Cuntis, Meis, Mondariz Balneario, O Grove, Pazos de Borbén, Vila de Cruces, Baiona, Gondomar, O Rosal, Lalín, Mos, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Bueu, Moaña, Moraña, Cangas, Silleda, Pontecesures, Tui, Ponteareas, Forcarei, A Guarda, Portas, Catoira, A Illa de Arousa, Poio, Arbo e Cerdedo-Cotobade.