«A día de hoxe, o Sergas tan só recibiu 27.010 mascarillas enviadas polo Ministerio de Sanidade para afrontar a crise do coronavirus na nosa Comunidade Autónoma».
A Xunta emitiu este domingo un comunicado no que critica con dureza ao Goberno central pola escasez de material sanitario enviado desde Madrid. «O primeiro lote de 15.250 recibiuse o pasado venres día 13, e o segundo de 11. 760 unha semana despois. Trátase de 25.250 mascarillas cirúrxicas e 1.760 mascarillas FFP2», sinala.
No comunicado engade que «confía en que o volume de mascarillas que o Ministerio asegura ter enviado a Galicia poida facerse realidade a maior brevidade posible na comunidade galega para continuar afrontando conxuntamente esta crise sanitaria».
Horas antes Feijóo asegurou que trasladara a preocupación ante a falta de material comprometida polo Goberno de España e afirmou que a Xunta seguirá traballando a través do Servizo Galego de Saúde para dotar á Comunidade do material sanitario que precisa.
Durante a reunión por videoconferencia co Executivo central e cos outros presidentes autonómicos, Feijóo transmitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, as principais preocupacións de Galicia que «seguen aínda sen unha resposta axeitada».
Entre as necesidades destacou o material sanitario para protexer aos profesionais, para garantir a asistencia sanitaria aos pacientes e para facer os test de recoñecemento; o coñecemento da curva epidemiolóxica, de cara á avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización; e a atención das necesidades das residencias de maiores e das residencias de discapacidade.
«No caso de Galicia, apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, test, respiradores, material de UCI e material de hospitalización”, precisou, subliñando que a Comunidade se adiantou na medida das súas posibilidades, garantindo un 71% máis de camas de UCI; e estendendo o test desde o coche a todas as áreas sanitarias. “E temos o compromiso de incorporar de forma inmediata a 189 profesionais, entre médicos internos, que están finalizando xa a súa formación, e persoal de enfermaría de formación comunitaria”, confirmou.
Diante desta situación, Feijóo informou da decisión por parte da Comunidade de proseguir cos pedidos do Sergas feitos con anterioridade ao estado de alarma, precisando que, nese momento, o Sergas tiña encargados 8 millóns de mascarillas. “E tamén adquirimos 113 ventiladores para as UCI, 79 volumétricos e 34 non invasivos”, aseverou.