Mellorar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración para que se lles prestan aos cidadáns ofrecendo aos concellos unha alternativa voluntaria e viable para ser máis eficaces na xestión das augas e incidir na mellora ambiental do mar e en actividades como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo. Estes son os obxectivos do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga aprobado polo Consello da Xunta o pasado 10 de marzo e que ten como finalidade profesionalizar a prestación dos servizos da auga e poñer á disposición das administracións locais un sistema voluntario que garanta unha xestión de calidade.
Os tres piares do marco novo normativo son o coñecemento da realidade, a planificación e a profesionalización. Así, os municipios poden solicitar de xeito voluntario á Xunta a xestión profesional dos seus servizos da auga, garantindo unha prestación eficiente as 24 horas do día e os 365 días do ano. Ademais, a Lei non supón novas tarifas, senón a reordenación das que xa existen e só nos concellos que soliciten a adhesión.
Dende o Goberno galego insisten na vontade de ofrecer solucións por responsabilidade social, ambiental e económica, procurando, ademais, dar resposta á demanda persistente de axuda por parte dos municipios para o exercicio das dúas responsabilidades sobre a xestión da auga.
Axuda ás entidades locais
A Xunta considera necesario avanzar neste novo modelo para axudar ás entidades locais que así o soliciten ante as «dificultades contrastadas, técnicas e económicas», que teñen moitos municipios para prestar axeitadamente e con eficacia estes servizos municipais, que inciden na calidade das augas, no medio natural, na saúde das persoas e en distintas actividades económicas.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou publicamente o pasado 11 de marzo o proxecto de Lei e adiantou que prevé a creación dun programa de formación para que os concellos avancen cara a unha xestión profesionalizada do abastecemento, do saneamento e da depuración.
Punto de inflexión
Vázquez Mourelle considerou que se trata dunha «Lei transformadora, estrutural e esencial» que marcará un punto de inflexión no coidado das augas, contribuíndo a dar garantías para a saúde pública, o medio natural e as actividades económicas.
Tamén puxo en valor a axuda que o Goberno galego leva trasladado aos concellos nos últimos 10 anos, coa execución de novas infraestruturas hidráulicas, moitas delas froito da elaboración de Plans de Saneamento Locais, que estudan e planifican os sistemas.
Aforros do 10%
A partir de agora, o novo marco regulatorio que impulsa a Xunta busca dar un paso máis no camiño da correcta xestión do ciclo integral da auga apostando pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e servizos asociados, partindo do coñecemento minucioso dos sistemas e da ordenación completa das súas instalacións.
Apostarase así pola xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala, que implica menores custos derivados da optimización de materiais, equipos e persoal, permitindo aforros do 10%.
Modelos de xestión
En Galicia conviven a día de hoxe distintos modelos de xestión da auga, desde a xestión municipal dos propios sistemas; consorcios, mancomunidades e sociedades supramuniciais; e depuradoras que son xestionadas directamente por Augas de Galicia, como axuda aos concellos nas súas competencias municipais, 28 na actualidade.
O novo modelo regula o apoio da Xunta aos concellos, dándolle a oportunidade a todos aqueles que así o soliciten, de forma voluntaria, de encomendar a xestión dos seus servizos á Xunta. Ademais de ampliar e reforzar ese apoio a todas as entidades locais que así o queiran, a lei ofrece a posibilidade de estender ese apoio para xestionar as depuradoras, pero tamén os colectores, algo que ata agora non era posible, e os sistemas de abastecemento “en alta”. A nova norma implica, polo tanto, igualdade de trato a todos os municipios, cun modelo único e prezos homoxéneos e xustos no conxunto da Comunidade.
Apoio económico: un terzo do custo
Nos concellos que soliciten que a Xunta asuma a xestión, a administración autonómica realizará unha auditoría completa do sistema co fin de coñecer a fondo o seu funcionamento. No caso de que se estime necesario executar determinadas obras, a Xunta financiará un terzo do custo das actuacións necesarias. Con carácter xeral, os concellos, como titulares das infraestruturas, deberán achegar o outro terzo dos investimentos necesarios.
Déixase aberta a fórmula para o resto do financiamento, sendo os concellos os encargados de buscar ese outro terzo restante no momento da sinatura dos acordos. Deste xeito, os concellos poderán decidir se eles mesmos financian ese outro terzo da actuación ou se acadan o apoio doutras administracións, como as deputacións provinciais ou as confederacións hidrográficas estatais, como a do Miño-Sil.
Fugas e vertidos
As actuacións nas redes terán como obxectivo limitar as infiltracións de augas brancas e os vertidos contaminantes, así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións, co fin de aumentar a eficiencia dos sistemas. A Xunta porá á disposición de todos os concellos directrices técnicas que lles axuden nestas tarefas.
Augas de Galicia elaborará catro directrices técnicas: para o control de vertidos; para o saneamento e depuración de pequenos núcleos de poboación, aglomeracións urbanas de menos de 2.000 habitantes, fomentando o emprego de procesos de depuración extensivos cun baixo consumo enerxético e de reactivos; para mellorar a xestión das augas pluviais e reducir a entrada de augas brancas nas redes de saneamento; e para o fomento da eficiencia enerxética das instalacións de abastecemento, saneamento e depuración.
Sen novas taxas
A nova Lei reordena os tributos existentes, cunha denominación máis acorde ao seu obxecto, pero sen crear novas taxas que repercutan nos usuarios, preservando e garantindo a potestade tributaria dos municipios.
Polo tanto, non se afecta as tarifas municipais, sendo os concellos os que teñen e seguirán a ter capacidade de decisión sobre o recibo final dos seus servizos municipais, entre eles, o recibo da auga.
Tramitación da Lei
Tras recibir o visto e prace do Consello da Xunta, o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga inicia agora o seu trámite parlamentario co obxectivo de que resulte definitivamente aprobado no presente período de sesións e que poida entrar en vigor o vindeiro verán.
Anteriormente, o anteproxecto foi sometido ao trámite de consulta pública e audiencia, publicouse no portal de transparencia e goberno aberto da administración autonómica e foi remitido a todas as administracións, corporacións e entidades interesadas, ampliándose ata en dúas ocasións o período de consultas públicas.
Durante a tramitación do texto normativo emitíronse os informes preceptivos, o Consello Reitor de Augas de Galicia foi informado sobre o texto do anteproxecto de lei, que tamén foi obxecto do ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia, emitido por maioría absoluta e sen votos en contra.
Mobilizados 1.100 millóns desde 2009
Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias.