Galicia estará sen clases durante 14 días desde o luns (este venres será optativo), con centros de día pechados e con limitacións de actividades en espazos públicos. Estas son as medidas tomadas pola Xunta para combater a pandemia do coronavirus tras alcanzar os 64 casos positivos (28 en revisión en Madrid).
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, compareceu de novo a tarde deste xoves para ampliar as decisións tomadas nas últimas horas. Así, presidíu a Comisión Interdepartamental, posta en marcha para coordinar a resposta da Xunta ante esta crise e ofrecer información puntual e recomendacións a toda a cidadanía, e na que tamén analizaron as decisións adoptadas no Consello de Ministros.
Na rolda de prensa posterior, o máximo responsable do goberno autonómico avanzou que se suspenden os eventos ao aire libre que concentren máis de 1.000 persoas. Tamén os espectáculos públicos en espazos pechados con máis de 500 persoas e, por debaixo dese límite, non poderán celebrarse se superan un terzo da súa capacidade.
Núñez Feijóo apuntou que «desaconsellamos o uso do transporte público a persoas vulnerables a infeccións respiratorias e a mulleres embarazadas». Ademais, indicou que quedan suspendidas todas as actividades en centros de día de maiores, centros ocupacionais e de menores, así como tamén cancelan as actividades en ludotecas, puntos de atención á infancia, residencias de tempo libre e albergues xuvenís.
Durante a súa comparecencia, sinalou que os casos positivos de coronavirus xa alcanzan os 64, aínda que hai 28 mostras pendentes de confirmación no Centro Nacional de Majadahonda. A maioría concéntranse na área de A Coruña e unha grande parte, un total de 45, están illados no seu domicilio.
En calquera caso avanzou que xa no pedirán máis confirmacións de positivos a Madrid para non saturar ao centro y decide dar directamente os resultados.
Respecto á suspensión das clases a partir do vindeiro luns, apuntou que preocupan os novos hábitos e reclamou a «máxima responsabilidade» a todos os cidadáns. «Preocúpanos que, se se pechan as escolas, os nenos poidan xuntarse en grandes grupos a xogar, pedimos aos pais que o eviten», aclarou. Tamén incidiu en que «aínda que a xente teletraballe, despois non debería xuntarse en espazos pechados en gran número».