Israel vén de deportar á europarlamentaria Ana Miranda, que se dirixía en misión oficial a Palestina. Unha acción que provocou a reacción do BNG, que cualificou de “escándalo” a decisión, tomada na madrugada do luns ao martes despois de que o país hebreo autorizara a entrada da política galega.
Miranda, natural da provincia de Pontevedra, formaba parte da Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo. Con todo, se lle denegou a súa entrada no aeroporto de Tel Aviv, “alegando novamente a causa da participación na Flotilla Internacional rumbo a Gaza de 2015”, segundo informa o BNG.
A formación política asegura que Miranda foi parada no control da fronteira e, tras máis de seis horas de agarda a ter noticias oficiais de Israel, foi avisada da expulsión “con total falta de respecto e arrogancia”. “Que finalmente non me deixen entrar é o prezo a pagar por defender os dereitos humanos e denunciar a ocupación e o apartheid que Israel practica co Pobo Palestino”, declarou a política galega.
A deportación produciuse ás 06.15 horas deste martes, no primeiro avión con destino a Madrid. Dende o momento de ser parada no aeroporto, comezou a “presión diplomática” da Delegación da UE en Xerusalén e do gabinete da presidenta do Parlamento Europeo, así como o contacto da Embaixada española, mais de novo, Israel “abusa con total impunidade non respectando aos membros do Parlamento Europea nin unha delegación oficial da Eurocámara”, segundo o BNG.
Ana Miranda pediu o amparo do Parlamento Europeo coa denuncia desta expulsión, a falla de cumprimento dunha autorización previa e reclama que se levante este veto a un membro das Delegacións de Palestina e de Israel da Eurocámara. O BNG avanzou que formulará unha denuncia desta “vulneración diplomática”.