A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou este martes o “orzamento ridículo” da Xunta para a I+D+i nas Pemes galegas, con apenas 800 euros por entidade no Programa de Impulso á Innovación das Pemes presentado o pasado 1 de xuño. Gallego presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que incremente as partidas, pero que foi rexeitada polo PP.
Gallego reclamoulle á Xunta “que aposte por un modelo que priorice a I+D+i, sinaladamente nestes momentos nos que a economía vai depender da innovación e da investigación”. Sinalou que o programa de impulso á innovación, con apenas 12 millóns de euros para 15.000 empresas demostra que “a Galicia quédalle moito por mellorar en I+D+i”, cun gasto público de apenas o 64 por cento da media da UE, situando a Galicia ao posto 68 das 240 rexións europeas.
A responsable socialista alertou ademais que programas como o InnovaPeme celebrou o ano pasado a súa cuarta edición reducindo aínda máis o seu orzamento, cunha liña de axudas “ínfima”, que apenas ascende aos 2,8 millóns de euros. Reclamou “un maior esforzo” da Xunta “por estar na vangarda da innovación e ter unha economía moderna á altura de Europa”.
Actualmente, Galicia destina a I+D+i o 0,98 por cento do PIB, nunha posición “rezagada, con menos investimento que en etapas anteriores”, e reclamou un incremento paulatino nos próximos exercicios orzamentarios ata acadar “a lo menos o 1,5 por cento de gasto sobre o PIB”, ou do contrario, advertiu, “perderemos a batalla do futuro”.
Reivindicou ademais en concreto o “incremento do orzamento do programa para impulsar a innovación nas Pemes da nosa comunidade e que reforce as políticas públicas de transferencia de coñecemento e innovación empresarial”, con especial atención cara estas entidades. Sinala que a ciencia e a innovación son “valores estratéxicos e piares do benestar e do crecemento”.
Apuntou que a disposición de tres universidades e tres centros tecnolóxicos en Galicia “parece un bo punto de partida para que as empresas galegas se beneficien dos resultados da súa investigación, mediante acordos de transferencia de tecnoloxía e proxectos de colaboración”.