A nova campaña da Deputación de Pontevedra para loitar contra as violencia sexuais ten formato audiovisual e proxectarase en multitude de cines e festivais da provincia.
“Este audiovisual vai abrir portas para concienciar a sociedade de que temos que poñernos de pé, no centro, e loitar contra este drama que son as agresións sexuais” remarcou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación do novo e impactante audiovisual, deseñado e creado pola recoñecida artista visual Yolanda Domínguez, co que a institución provincial “moverá á sociedade” nos Rías Baixas Fest - PortAmérica, Vive Nigrán, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño, Revenidas-, nos Rías Baixas FilmFest – Cans, Play-Doc, FicBueu, Festival Again de Cine Inclusivo, Primavera do Cine, Galician Freaky Film, Curtas, Festival do Imaxinario, Novos Cinemas, e nas salas de cinema de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.
“Cada catro horas – subliñou Carmela Silva- denúnciase en España unha violación pero soamente se denuncian o 11%. No primeiro trimestre de ano rexistráronse 544 violacións. É dramático, pon os pelos de punta. Temos que poñernos en contra e facer que a loita contra estas terribles agresións que padecemos as mulleres forme parte das prioridades políticas das administracións públicas. Dende logo desta administración xa o é”.
O vídeo, “de altísimo nivel e grande calidade técnica e de contido”, é un paso máis das campañas “Lembra, eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote”, xa impulsadas en anos anteriores pola Deputación de Pontevedra. “A peza -asegurou Carmela Silva- busca mover á sociedade fronte ás agresións sexuais e na defensa dos dereitos das mulleres, pero tamén presentar outro modelo masculino, un modelo de home consciente de que soamente si é si, de que o consentimento é unha cuestión que decidimos as mulleres e facémolo cando dicimos exclusivamente que si”. A presidenta fixo un recoñecemento á traxectoria de Yolanda Domínguez, “unha provocadora a favor da igualdade que leva moitos anos traballando dunha forma marabillosa, a través da participación colectiva, en pezas audiovisuais que desenmascaran o machismo, tan normalizado na nosa cultura”.
A artista Yolanda Domínguez agradeceu a confianza da Deputación e a súa aposta por esta peza “diferente na estética, moi conceptual, aparentemente moi sinxela na execución e deseñada para pantallas grandes”. Para a creadora “o importante é o audio, que amosa o que sucede fóra, unha situación angustiosa e comprometida, que cada vez se vai poñendo máis tensa e da que parece difícil que poida saír”. Porén, a peza conclúe coa mensaxe de que “sempre hai saída” e fai fincapé en que as mulleres “dentro dunha situación, calquera que sexa, son libres e teñen dereito a parala cando queiran”. Ademais, a artista remarcou a importancia de amosar “un novo tipo de home, unha nova masculinidade que asume que soamente si é si”. “As cifras demostran que segue habendo maltratadores e asasinos de mulleres”, destacou. Teríamos todo o dereito do mundo de representar esa realidade pero estamos facendo un enorme esforzo por formular campañas de denuncia en positivo, que representen homes comprometidos, que son parte do cambio, como é o caso deste vídeo”. “Amais, engadiu, hai que mostrar ás mulleres que son donas das súas decisión e que cando non queren algo teñen dereito a esixilo”.
O audiovisual amosa imaxes do interior dun bolso (onde unha moza parece ter deixado o seu teléfono móbil coa cámara de vídeo gravando) mentres se escoita unha conversa entre unha moza e un mozo que están iniciando unha relación. Nun momento dado, a moza pide parar ante a primeira negativa do mozo que, posteriormente, decide apoiala e acompañala.
A peza ademais de ser proxectada nos multitudinarios festivais de música e cine, que forman parte das marcas provinciais da Deputación, estará tamén durante os próximos tres meses nas salas nas que se estrean películas nos cinemas da Praza Elíptica, Gran Vía, Norte, Travesía Yelmo e Premium Vialia de Vigo; en Gran Arousa en Vilagarcía e en Cinexpo en Pontevedra.