O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou esta tarde en Vigo que se gaña as eleccións autonómicas implantará en Galicia a gratuidade da primeira matrícula universitaria para todos os alumnos de grao e en todos os cursos.
Deste xeito, o sistema educativo público galego sería totalmente gratuíto desde primeira etapa infantil ata os estudos superiores e Galicia consolidaríase, tal e como apuntou o líder dos populares galegos, como “unha terra de igualdade de oportunidades”.
“Os galegos merecen un goberno que cree novas oportunidades para a xente nova, para que poidan chegar a onde desexen sexa cal sexa a súa orixe”, engadiu Rueda ao tempo que destacaba a gratuidade das escolas infantís para todas as familias e poñía en valor que o sistema educativo galego é, segundo recoñece o propio informe PIS, o sistema educativo máis equitativo de España.
O presidente e candidato do PPdeG fixo este anuncio nun acto celebrado na cidade olívica xunto aos candidatos e candidatas que integran o seu equipo de goberno. “Un equipo que non parou nin un segundo, que non se conforma e que non se engurra. Un equipo que converteu a Galicia nun referente”, apuntou.
Neste sentido destacou que os membros deste equipo –do que remarcou sentirse moi orgulloso porque todos os que os compoñen son “os mellores profesionais e os mellores compañeiros”– son os que fixeron posible, grazas ás súas ideas, que Galicia sexa “un modelo de eficiencia e innovación”.
Subliñando como rasgos definitorios dos seus membros a cooperación, a lealdade, o apoio mutuo, a valentía e o compañeirismo; Rueda contrapuxo estas cualidades con “aqueles que cren que o único xeito de facer política está na pelexa constante, nos obstáculos aos compañeiros para evitar que prosperen, nas liortas públicas e nas cotas partidistas”.
“Galicia é distinta e este é un Goberno de galegos que somos como os galegos: solidarios, traballadores e teimudos”, concluíu antes de subliñar a importancia de coidar e mellorar os servizos públicos. “Sabemos o que preocupa á xente, porque a nós tamén nos preocupa”, afirmou.
E precisamente referíndose ás preocupacións dos galegos que son compartidas polo gran equipo que conforma o PPdeG, o presidente Rueda mencionou cuestións como a saúde, a conciliación ou a suba de prezos para acto seguido poñer en valor medidas como o calendario de vacinas máis completo do mundo, a introdución de tratamentos pioneiros no sistema sanitario público, a atención educativa gratuíta de 0 a 3 anos ou o modelo de fiscalidade xusta pensado para axudar ás familias.
«A oposición galega é a sucursal de Sánchez en Galicia»
Referíndose aos partidos da oposición, o presidente definiunos como “a sucursal de Sánchez en Galicia” e asegurou que “están dispostos a todo, mesmo a danar a imaxe dos galegos, só por darlle o gusto a un presidente que cando fala de Galicia é só para desprezala, atacala e agraviala”.
Rueda cre que os galegos teñen moi boa memoria e que chegado o momento lembrarán todas as promesas incumpridas, como os fondos europeos, todos os prazos incumpridos en cuestións como a chegada dos trens Avril e todos eses agravios como o recurso de inconstitucionalidade como a Lei do litoral.
Lembraranse, en definitiva, desa “afrenta constante” que é “o único que ofrece Sánchez a Galicia” e da que fixo cómplice ao multipartito da oposición. “Esa afrenta constante é o que defende o PSdeG, o que apoia o BNG cando non está apoiando manifestacións a favor dos presos de ETA, e o mesmo que faría Sumar se tivese tempo de facer política entre tanta disputa interna”, explicou.
«Sexamos a alternativa que Galicia necesita»
Alfonso Rueda considera que os galegos merecen moito máis que isto e, máis concretamente, un goberno “que se preocupe pola xente, polos seus problemas reais, dedicado a traballar e xestionar, que teña experiencia e que non chegue de novo á política a facer experimento. Un goberno, en definitiva, como os que ofrece sempre o Partido Popular».
Fixo así un chamamento a seguir construíndo unha Galicia “vertebrada, moderna, inclusiva, chea de oportunidades, que avanza, que progresa e que innova”. Pero facelo todo tendo en conta que “non hai máis intereses que os intereses dos galegos”.
“Temos o equipo, o proxecto e as ideas, pero sobre todo temos as ganas”, concluía remarcando que o próximo 18 de febreiro a disxuntiva será “entre a estabilidade ou o caos, o sentidiño ou a irresponsabilidade, a moderación ou o extremismo” e que, polo tanto, o PPdeG está chamado a ser “a alternativa que Galicia necesita”.