As ‘Jornadas sobre tecnologías y soluciones para la automatización industrial’ celebran a súa sétima edición con 35 postos nos que empresas, centros tecnolóxicos e institucións amosan, da man de 700 profesionais, as súas tecnoloxías ao alumnado do campus, que tamén pode participar no programa de relatorios impartidos por responsables de sectores e empresas como o grupo PSA, Repsol, Navantia ou HP, que dependen da automatización nos seus procesos produtivos.
“Estamos ante unha revolución dixital con impacto en todos os eidos. A industria do futuro é dixital e o consumidor tamén será dixital”, asegurou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na inauguración das JAI 2018, que se desenvolven baixo a coordinación do docente e investigador da EE Industrial José Ignacio Armesto. “Son eles os que inventan a industria 4.0”, asegurou o coordinador das JAI en referencia ás empresas participantes nas xornadas.
Segundo lembrou, o alumnado, composto por uns 400 estudantes, é o destinatario desta iniciativa, coa que se lles pretende achegar ao mundo da industria. “Hai tanta masa crítica que ata as empresas da contorna consideran que isto lles vale como un escaparate e dalgún xeito conseguimos que no noroeste non faga falta ir a Barcelona, Bilbao ou Alemaña, aínda que isto é moito máis humilde, para coñecer o máis básico de cada tecnoloxía”, explicou Armesto.
Unha vintena de robots constitúen un dos piares da sétima edición das JAI, que dá acubillo a representantes dalgunhas das categorías máis representantivas do panorama industrial. No ámbito da robótica colaborativa e de servizos encádranse Nao, mascota oficial das xornadas, desenvolvido por Macco Robotics; o robot doméstico limpacristais HoBot de Smarttek; Pepper, que chega da man de Abanca ou SanBto, o robot humanoide seleccionado pola firma Pabloski como asistente de ventas para as súas tendas. Pola súa banda, a robótica colaborativa conta con media ducia de representantes, que grazas á inclusión de sentidos análogos ao tacto e á vista dos seres humanos, cooperan coas persoas nos seus postos de traballo. IIwa da firma Kuka, o cobot UR10 de Universal Robots, CR de Fanuc Robotics e o robot bibrazo YuMi de ABB, encádranse neste ámbito.
No caso das solucións robotizadas móbiles ou intraloxística, nas JAI 2018 expóñense algúns dos robots móbiles da firma ASTI Robotics, MiR e Adept, así como drones desenvolvidos en Galicia, como o drone mariño máis grande de Europa, froito da colaboración entres a Universidade e Industrias Ferri ou o vehículo autónomo prototipo, deseñado polo centro tecnolóxico CTAG en colaboración co grupo PSA. Así mesmo, as xornadas inclúen dous stands dedicados á realidade virtual e aumentada desenvolvida por Siemens e Navantia.