A última resolución de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade deixou este ano excelentes noticias para a Universidade de Vigo ao outorgarlle a concesión de sete axudas por valor de 150.000 euros.
Son os mellores datos acadados pola institución académica viguesa nesta convocatoria, unha das poucas que existen, tanto a nivel nacional como internacional, específicas para divulgación e, derivado disto, tamén unha das máis competitivas.
“Este é o ano que acadamos máis éxito ao conseguir máis do 50% dos proxectos presentados, o maior número de propostas financiadas e, tamén, a contía máxima de financiamento”, explica a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, quen lembra que o vindeiro venres se celebrará en toda Galicia a G-Night, a Noite galega das persoas investigadoras, coordinada desde a Universidade de Vigo.
A vicerreitora relaciona este éxito cunha “maior conciencia por parte do persoal investigador de que a divulgación científica é importante” e tamén polo “apoio técnico prestado desde a Universidade polo persoal da Unidade de Cultura Científica, UCC”.
Haberá actividades nos tres campus, algunhas que se porán en marcha por primeira vez este curso e outras que xa comezan a consolidarse no calendario de actividades divulgativas da Universidade de Vigo.
Unha tendencia que arrancou no 2018
Desde a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia valoran especialmente a consecución destas sete axudas porque con elas se ratifica unha tendencia que arrancou no 2018 cando, por primeira vez, a UVigo acadou dúas destas subvencións. No 2016 presentáranse tres proxectos e non se acadou ningún; no 2017 sete e tampouco se chegou a acadar financiamento; no 2018 xa se presentaron dez propostas e conseguíronse dúas; no 2019, volveron presentarse seis e tamén se acadaron dúas; no 2020 presentáronse 13 e conseguíronse seis; no 2021 presentáronse 16 e conseguíronse cinco, e agora, na convocatoria do 2022 presentáronse 13 e conseguíronse sete.
“O importante é que fomos aumentando progresivamente, desde un 0% no 2017 a un 20% no 2018 e ata chegar a máis do 50% este ano”, recalca a vicerreitora, ao tempo que defende que son datos que, por unha banda, reflicten que a comunidade investigadora é cada vez máis consciente da importancia e o recoñecemento que ten a divulgación científica e , pola outra, reflicten os froitos que comeza a dar o labor de asesoramento que veñen facendo neste tipo de proxectos, tanto desde a OPI como desde a UCC.
Vigo, escenario de múltiples actividades
A cidade de Vigo será escenario de boa parte dos proxectos subvencionados ou, cando menos, dela partirán diferentes iniciativas que logo se trasladarán ao conxunto da sociedade galega. Volverase pór en marcha Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades da UCC+i da Universidade de Vigo, subvencionado con 30.000 euros e que inclúe actividades como exposicións, talleres, conferencias, concursos… que poñen en valor e dan a coñecer as investigacións que se están a levar a cabo na UVigo.
“Este plan xa está ben consolidado e ben estruturado, algo que se conseguiu grazas á participación do persoal investigador e a que cada ano se van incorporando cousas novas”, recalca a vicerreitora.
Repetirán tamén dúas propostas -financiadas con 24.000 e 11.000 euros, respectivamente- que chegan da man do Centro de Investigación Mariña, CIM, en colaboración co Campus do Mar. Trátase, dunha banda, de Desafíos do océano: científicas al mando, unha miniserie documental de seis capítulos de dez minutos de duración cada un, continuación dun proxecto do mesmo nome que se leva a cabo con grande éxito e acollida coa colaboración da FECYT desde a edición de 2020 e, xa da outra, Mar emerxente | Scientist meet Artists, un espazo de encontro e diálogo entre dúas disciplinas moi diversas: a ciencia e a arte e na que a indagación, innata ao mundo da investigación, dialoga coa creatividade, propia do mundo artístico.
Desde o CINBIO, volverase contar con financimento -25.000 euros-, para a posta en marcha dunha nova edición da feira CinVigo, Ciencia na rúa, unha feira científica ao aire libre, en pleno centro da cidade de Vigo, rodeada de actividades paralelas e coa que se busca levar a ciencia ás rúas e ás prazas, achegándoa ás mozas e mozos, quen serán os protagonistas da ciencia do futuro.