O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, subscribiron este xoves un convenio en materia de I+D que dota á Universidade de Vigo dunha achega económica extraordinaria de 3,5 millóns de euros para a posta en marcha de múltiples “actividades estratéxicas” relacionadas coa I+D+i nos tres campus, un financiamento que permitirá, entre outros aspectos, mellorar infraestruturas e equipamentos de investigación, atraer talento de alto nivel e potenciar a divulgación científica.
Trátase dunha achega “importantísima”, segundo a reitor, que lle permitirá á Universidade de Vigo dar “un salto máis” nos niveis de calidade que xa ofrece a institución académica viguesa en todo o relacionado coa I+D. Neste senso, lembrou que Vigo está considerada a nivel internacional como unha universidade “forte en investigación”.
Por outra banda, aproveitou tamén a presenza do conselleiro para eloxiar o “xeneroso” Plan de Financiamento das universidades galegas, “que contribúe a que poidamos ter unha estabilidade da que non gozan noutras comunidades”, e para agradecerlle ao goberno galego a consideración que ten coas universidades do SUG e, máis concretamente, coa UVigo.
Pola súa banda, Román Rodríguez, subliñou “o compromiso” do seu departamento “coa aposta pola calidade, a innovación e a internacionalización” do ensino universitario, cunha importante partida nos Orzamentos 2024, que se incrementa nun 5%. En total, segundo indicou neste acto, a consellería xestionará 513,5 millóns de euros en materia de Universidades no próximo exercicio. “Isto -explicou o conselleiro- permítenos avanzar no obxectivo de acadar, en breve, o 1% do investimento de recursos públicos nas universidades fixados a nivel nacional para o ano 2030”.
Neste apoio ás universidades do SUG enmarcou o convenio asinado este xoves coa Universidade de Vigo, un acordo grazas ao cal “a UVigo poderá fortalecer as súas infraestruturas científicas e o seu equipamento tecnolóxico especializado e enfocado á excelencia investigadora”. Nesta liña, recordou que a UVigo “avanza” nos ránkings internacionais que miden a calidade investigadora e eloxiou a institución por “enfocar” moi ben as axudas para afianzar ese potencial.
Seis liñas ‘prioritarias’ de actuación
O orzamento total ascende a 3.477.684 euros, distribuídos nas anualidades 2023 e 2024, e contempla actuacións en seis liñas básicas: captación de talento, centros, novas estruturas de investigación, obras singulares de apoio á investigación, outras accións con foco específico de alto impacto e interese na I+D+i e, xa por último, accións que redundarán na calidade da docencia. Froito de “meses de negociación”, tal e como subliñou o reitor, Reigosa admitiu que moitas das actividades previstas xa están en marcha ou executadas.
A partida que conta cun maior orzamento, 1.400.000 euros, é a dedicada aos centros e inclúe financiamento para a organización das diferentes xornadas de portas abertas/divulgación; apoio específico para o financiamento e mellora dos centros Cigus (CIM, CINBIO e atlanTTic) e unha pequena partida para formación do persoal da Oficina de Proxectos Internacionais, OTRI e Servizos de apoio á investigación.
No que se refire a obras singulares de apoio á investigación -axudas que ascenden a algo máis de 717.000 euros-, inclúese o acondicionamento do módulo 3 do CINBIO para captación de talento, mobiliario para o Laboratorio Cuántico e o acondicionamento da zona de Enxeñaría Química na Facultade de Filoloxía e Tradución.
O seguinte bloque de actuacións con máis financiamento dispoñible -640.000 euros- é o dedicado a outras accións con foco específico de alto impacto e interese na I+D+i, onde se inclúen partidas para o proxecto de escavación Adro Vello, prórrogas para os contratos posdoutorais, apoio á organización de congresos internacionais ou, entre outras medias, á implantación do selo HR na UVigo.
De maneira máis específica, para captación de talento dedicaranse 295.000 euros, e para outras accións con foco específico na calidade da docencia 214.000 €, incluíndose neste aspecto apoio específico para os tres mestrados da UVigo con Mención de Excelencia e para diferentes plans piloto de docencia innovadora (mestrado dual, virtualización de laboratorios…).
Por último, a partida para novas estruturas de investigación é de algo máis de 200.000 euros e inclúe axudas tanto para Ecobas como para o Campus Crea, Campus Auga, Vigo Tecnolóxico, CINTECX e os institutos de investigación de recente creación (Agroecoloxía e Alimentación, Linguaxe e Cognición, Xustiza e Xénero e Física e Ciencias Aeroespaciais).