As quendas para o mes de xaneiro na oficina de Vigo son as seguintes: o martes 10, “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais”, seguido de “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais” o xoves 12. A seguinte semana, desenvolveranse “Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas” o luns 16 e “Fotografía e vídeo para establecementos de turismo” o xoves 19. Despois, o mércores 25 terá lugar “A túa páxina web con WordPress (continuación)” e, para rematar, “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa” o martes 31. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o mércores 11 de xaneiro, “Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite”. O luns 16 será a quenda de “Desenvolve a túa propia estratexia de E-mail marketing”, que dará paso o mércores 18 a “Rendibiliza o teu perfil profesional en redes sociais”. O martes 24 de xaneiro seguiralle “Fotografía son smartphone: PIXLR para Android e iOS”, o xoves 26 “Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mails?” e, por último, o luns 30 desenvolverase “Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes 10 de xaneiro, “Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas” e, dous días despois, o xoves 12, “Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións”. “Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas” desenvolverase o mércores 18 de xaneiro, ao que lle seguirá “Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite” o venres 20. A seguinte semana, o mércores 25, desenvolverase “Emprego de vídeos nas redes sociais: YouTube, Periscope…” e a última quenda será a de “Fotografía e vídeo para establecementos de turismo” o martes 31. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Todas as actividades –tanto as de Ponteareas como das do Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19:00 horas e a inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, «é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos». Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.