Un total de 26 estudantes das escolas de Enxeñería Industrial e da de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, que conforman o equipo UVigo Motorsport, deseñaron e construíron o vehículo UM17 co que representarán, por terceiro ano consecutivo, á institución académica viguesa en dúas probas da Formula Student, a competición automobilística interuniversitaria máis importante de Europa, que conta coa participación dun cento de representantes de centros do vello continente.
Por primeira vez o coche foi presentado no centro da cidade, nun acto para o que se pechou un tramo da rúa, pola que o bólido puido dar varias voltas e no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo e o xefe do equipo UVigo Motorsport, Juan Villa, felicitáronse pola consecución dun proxecto froito da colaboración entre institucións públicas e privadas e alentado por un grupo de estudantes.
Dúas son as principais novidades do UM17 respecto dos seus antecesores UM15 e UM16, dunha banda, un motor Kawasaki ER6-F de 650cc, máis robusto, potente e fiable, que o Aprilia SXV utilizado ata o de agora e doutra, un chasis hibrido, froito da combinación de monocasco en fibra de carbono, que chega ata a barra antivolco e un chasis de aceiro tubular, que permite unha maior accesibilidade á hora de traballar no motor, ao tempo que achegará unha maior refrixeración.
O novo monopraza, que participará na Fórmula Student Germany no circuíto de Hockenheim do 7 ao 13 de agosto e na Formula Student Spain no circuíto de Montmeló do 23 ao 27 de agosto, introduce ademais, cambios no deseño da aerodinámica. O 90% das súas pezas chegaron de industrias situadas nun radio de entre 10 e 20 quilómetros.
Tras un proceso de deseño e fabricación que durou menos que anos anteriores, os integrantes do equipo UVigo Motorsport enfrontan as dúas probas que lles agardan coa satisfacción que dá ter acadado un primeiro obxectivo: “entrar na Formula Student Germany, ocupando unha das 65 prazas ofertadas ás que concorreron máis de 200 solicitudes”, explica Pedro Cuesta, responsable de marketing do equipo.
A partir de aí, a fiabilidade é a gran aposta do equipo para este ano e por iso márcanse como obxectivo “rematar a endurance, a proba máis dura, xa que ano pasado en Montmeló ningún equipo español logrou completa”.
O equipo, integrado por cinco mulleres e 21 homes, experimentou este ano un substancial incremento no número dos seus membros respecto do ano pasado, cando estaba formado por 16 estudantes.
A renovación de todos os patrocinadores e a incorporación doutros novos, ata acadar os 65, é outra das claves deste proxecto “moi completo, no que se pode ver o gran potencial do alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade e da industria viguesa”. O vehículo partirá rumbo a Alemaña para participar na primeira proba o vindeiro venres 4 de agosto.
Muchísimas gracias a todos los que os acercasteis esta mañana al acto de presentación del nuevo monoplaza! #uvigomotorsport pic.twitter.com/licfTtycyK
— UVigo Motorsport (@UVigoMotorsport) 31 de julio de 2017