O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o acto e valorou o convenio como un avance para que Vigo e Galicia poidan “liderar” este ámbito. “Sumamos un socio moi importante para que este compromiso poida facerse realidade”, aseverou, referíndose ao traslado a Teis das dúas instalacións do CSIC: o Instituto de Investigacións Mariñas, con máis de seis décadas de historia en Bouzas, e á sede atlántica de Unidade de Tecnoloxía Mariña, que ten centros unicamente en Vigo e Barcelona. En total, ocuparán uns 15.000 metros cadrados.
Na sinatura tamén estiveron presentes a secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, e o director do Instituto de Investigaciones Marinas, Antonio Figueras.
Tras a firma, Figueras salientou a importancia do acordo: “A renovación total das instalacións do centro supón un estímulo para as nosas investigacións, que se verán favorecidas. A situación da nova sede en plena Ría de Vigo é idónea, pois teremos ata as nosas propias amarraduras”.