Achegar o mundo da astronomía dun xeito ameno e sinxelo ao público xeral e, en especial, a un público familiar. Este é a idea dos obradoiros de astronomía Astrofamilias, unha nova iniciativa posta en marcha pola Universidade de Vigo dentro do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta. Serán este xoves pola tarde, a partir das 17.00 horas, no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Avenida de Beiramar, 55).
Para impartir os talleres contarase coa participación de Ana Ulla, astrofísica e investigadora da Universidade de Vigo, e Adolfo García, capitán da Mariña Mercante e profesor de Navegación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Cada un deles farase cargo dun obradoiro de arredor dunha hora de duración.
O de Ana Ulla centrarase no funcionamento das estrelas e o de Adolfo García consistirá nunha visita ao planetario na que el exercerá como guía. Divididos en dúas quendas, o grupo 1 visitará primeiro o planetario –de 17.00 a 18.00 horas- e logo asistirá ao taller sobre o funcionamento das estrelas –de 18.00 a 19.00 horas- e o grupo 2 gozará, en orde inverso, destas mesmas actividades.
Esta acción, organizada desde a Unidade de Cultura Científica, conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), dependente do Ministerio de Ciencia y Tecnología, e a colaboración do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico. O obradoiro lanzouse o pasado venres e en apenas dous días xa se cubriron as 50 prazas dispoñibles.