‘CharlieSays’ botou a andar cando a tía de Juan Abia lle propuxo a este estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo que desenvolvese para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un sistema que permitise a comunicación con Carlos, o seu fillo e curmán de Juan, que este mes cumpre 33 anos e que sofre parálise cerebral.
Carlos, que naceu sendo un neno san, sufriu cando tiña un ano unha parálise cerebral, producida pola aciduria glutárica que padece e que non lle foi diagnosticada ata que cumpriu 11 anos. Esta enfermidade que impide a quen a padece descompoñer as proteínas animais correctamente, unha vez diagnosticada e establecida unha dieta que reduce á mínima expresión a presencia de proteínas animais, permite ás persoas enfermas desenvolver unha vida normal.
Con todo, no caso de Carlos a diagnose chegou moi tarde, ocasionándolle graves secuelas, como a parálise cerebral que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita.
O proxecto comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidade de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica Juan Abia, que lembra que, o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.
Foi a partires dese momento cando o equipo desenvolveu un sistema, que a día de hoxe xa dispón dun prototipo terminado, totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, detalla o estudante.
Co prototipo xa rematado, ata agora o equipo desenvolveu a funcionalidade principal “que é ter o sensor e a comunicación coa aplicación funcionando, cunha comunicación simple de “si” e “non”. A partir de aí queda, en primeiro lugar, moita práctica por parte de Carlos para que se faga ao sistema, e unha vez conseguido isto, poñerémonos a traballar en funcionalidades da aplicación máis complexas, como comunicación mediante pictogramas e teclado por barrido”, explica Juan Abia.
Dispor dunha parte do corpo sobre a que se teña algo de control, sen importar a velocidade de reacción nin a forza aplicada; vista para poder ver a tableta e saber ler, para poder utilizar funcionalidades futuras, son as capacidades que precisan ter as persoas que queiran empregar este sistema, cuxo núcleo é Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta.
Tras presentar ‘CharlieSays’ na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse actualmente na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora. “Como o proxecto está dentro da asociación de alumnos da Rama de Estudantes do IEEE da UVigo a nosa idea é lograr patrocinadores para a asociación e así poder financiar este proxecto e outros, ademais doutras actividades que realizamos”, detalla Juan Abia, que confirma que neste intre xa están en contacto cun par de empresas que amosaron o seu interese en converterse en patrocinadores desta iniciativa.