“O grupo GTI leva anos traballando nas redes de comunicación sen fíos e móbiles e máis recentemente centrouse nas tecnoloxías que sustentarán as futuras redes de quinta xeración”, explican os investigadores, que están a colaborar coas empresas Cellnex e Optare e o centro de investigación Gradiant no marco do proxecto Veo5G, centrado en avanzar nas tecnoloxías que están a redefinir as redes 5G, máis concretamente nas tecnoloxías que permiten construír redes flexibles e dinámicas.
“A nosa participación no congreso ten dous obxectivos, establecer un primeiro contacto coas empresas interesadas na tecnoloxía, cara a súa transferencia, e o de aumentar a rede de contactos no plano investigador para seguir avanzando no desenvolvemento a través dun sistema cooperativo”, explican os integrantes de GTI que participan no congreso internacional.
Entre as persoas que se achegaron ata o seu posto na feira estivo a á vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáez de Santamaría, que coñeceu de primeira man o traballo do GTI e os seus avances tecnolóxicos.
O 5G é a evolución da tecnoloxía actual 4G, empregada nos móbiles para a transmisión de datos, aínda que a súa implantación pretende ir máis aló da telefonía, achegando solucións de conectividade e novos servizos, como poden ser os relacionados co Internet das cousas, a industria 4.0 ou o vehículo conectado, permitindo ademais conexións moito máis rápidas.
Demostracións en vivo
Ao longo da semana que dura o Mobile World Congress, os investigadores de atlanTTic realizarán demostracións da súa tecnoloxía no stand de Cellnex, nas que amosarán como varios operadores especializados poden compartir unha mesma infraestrutura, e mesmo, como a rede se pode adaptar aos requisitos das e dos usuarios de xeito individual, por exemplo á hora de reducir a latencia ou retardo nas conexións.
No ámbito dos traballos relacionados co 5G, a Universidade de Vigo forma parte desde case hai un ano do consorcio internacional OpenAirInterface, onde comparte presenza con institucións como Fraunhofer e Fujitsu.