Dez millóns de persoas, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), faleceron no ano 2020 por mor do cancro, unha das principais causas de morte no mundo, e que segue a ser un gran reto para a investigación, que se centra na loita contra unha enfermidade que non é tal, senón un conxunto moi complexo de máis dun cento delas.
Cun financiamento de máis de 2,7 millóns de euros, procedentes do Consello Europeo de Innovación, o proxecto Perseus (2D Material-Based Multiple Oncotherapy Against Metastatic Disease Using a Radically New Computed Tomography Approach), concentra o traballo dunha trintena de investigadoras e investigadores de media ducia de institucións, co obxectivo de desenvolver unha nova terapia fronte a tumores metastásicos, baseada en nanomateriais activados por raios X.
A docente e investigadora Carmen Rodríguez Argüelles é xunto, á tamén investigadora posdoutoral Margarita Salas, Noelia González Ballesteros, a representante da Universidade de Vigo no proxecto Perseus, que non conta coa presenza de máis institucións españolas.
“Participamos en dúas tarefas do proxecto que se poden resumir como deseño e síntese de novos nanomateriais mediante química verde, a súa caracterización e a súa aplicación como nanosistemas antitumorais”, detalla a docente de investigadora do Departamento de Química Inorgánica da UVigo.
Rodríguez Argüelles colabora desde hai 30 anos con grupos de investigación de Italia, país que lidera o proxecto Perseus a través do Consiglio Nazionale delle Ricerche, e no que tamén participa, ademais da Universidade de Vigo, un consorcio multidisciplinar formado polo Karolinska Institutet (Suecia), Technion Israel Institute of Technology (Israel), Wigner Fizikai Kutatóközpont (Hungría) e as empresas Bedimensional SPA (Italia) e QED Film & Stage Productions LTD (Reino Unido).
Proxecto innovador e interdisciplinar
Dado que na actualidade, o uso práctico da nanotecnoloxía na atención clínica do cancro está nunha fase moi incipiente, Perseus persegue, segundo as e os investigadores que participan no proxecto, darlle pulo a través dunha nova terapia baseada en nanosistemas especialmente deseñados, feitos de nanocristais en capas 2D multifuncionais, que cando son activados con raios X proporcionan unha terapia multimodal eficaz, con mínimos ou nulos efectos adversos.
A terapia, que non se ve afectada pola bioquímica do corpo, emprega raios X de escáneres de tomografía computerizada, non para matar as células cancerosas directamente, senón para activar e xerar imaxes dos nanosistemas, que a súa vez dan lugar localmente a mecanismos oncolíticos non mutaxénicos.
Carmen Rodríguez destaca que o das terapias para o cancro baseadas en nanotecnoloxía é un campo en continuo crecemento, xurdido para mellorar as técnicas existentes: “Neste proxecto centrarémonos en cancros que son clinicamente inmanexables coas terapias dispoñibles actualmente; en cancros resistentes aos fármacos intrínsecos e evasivos que carecen de respostas ás terapias e en metástases”.
A investigadora da UVigo considera que co remate exitoso do proxecto, “a nosa tecnoloxía encherá o baleiro entre os estudos preclínicos e a práctica clínica coa nanomedicina”. Así mesmo, Perseus pretende probar posibles tratamentos aditivos ou efectos sinérxicos con outras terapias, incluídas a inmunoterapia e as terapias moleculares dirixidas, a base a medicina personalizada.
Profesionais dos campos da física, a química, enxeñaría química, bioloxía, medicina, farmacoloxía e radioloxía conforman o equipo multidisciplinar que traballa no proxecto Perseus, que con catro anos de duración, inclúe aplicacións nos campos da oncoterapia, a teranóstica e o uso e desenvolvemento de sistemas terapéuticos baseados en irradiación de raios X de baixa enerxía.