Conde participou nunha xornada organizada por Atiga durante a que se presentaron dous dos catro proxectos postos en marcha polo Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga en colaboración con institucións galegas, no marco dun convenio firmado pola Xunta coa institución científica, en colaboración co Ministerio de Economía y Competitividad. Tras o convenio numerosas empresas expresaron o seu interese en participar, sinalou o conselleiro, que apuntou que “ao concurso convocado se presentaron nada menos que 60 proxectos, entre os que foi realmente difícil elixir. O resultado é que os 4 gañadores presentan un nivel moi elevado”.
Os dous proxectos que centraron a xornada de hoxe foron o Waternanoenvm, liderado polo ITG, e unha iniciativa de alimentos funcionais liderada por Anfaco. O primeiro, froito dunha alianza entre o INL, o ITG e as tres universidades nun ámbito estratéxico como é a xestión medioambiental, permitirá a identificación temperá de contaminantes na auga, a través do deseño de nanosensores para a detección remota e en tempo real de cianotoxinas e bacterias e-coli nas augas de abastecemento procedentes de encoros. O segundo proxecto, co traballo de Anfaco en colaboración co INL, busca afrontar o desafío global do envellecemento mediante nanotecnoloxía, buscando optimizar os beneficios das substancias bioactivas, mellorar as súas funcionalidades e a súa biodispoñibilidade, e desenvolver alimentos saudables adaptados ás necesidades nutricionais específicas da terceira idade. Conde resaltou que “ademais do que isto implica en relación coa alimentación saudable nas persoas maiores, o resultado será una nova ventá de oportunidade de alto valor engadido para a nosa industria mariña e alimentaria”.
Estes dous proxectos complétanse con outros dous iniciados da man do laboratorio no ámbito da biomedicina, un deles orientado á prestación de servizos avanzados en probas médicas e ensaios clínicos para as industria farmacéutica e biotecnolóxica a nivel internacional, e o outro centrado no deseño de nanoestruturas para a diagnose e o tratamento do cancro e do ictus.
Conde sinalou a nanotecnoloxía como “unha prioridade estratéxica para Galicia” e a situou como clave da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, unha folla de ruta para respaldar ao sector bio cun investimento de 200 millóns ata 2020. No marco desta estratexia, dixo Conde, “aproveitaremos os avances en nanotecnoloxía para dinamizar e modernizar sectores tradicionais da economía galega”, transformando a Galicia nun biopolo capaz de atraer novos investimentos. Neste senso, apuntou que a Xunta agarda potenciar o desenvolvemento de sectores estratéxicos galegos, impulsando novos produtos e procesos para o sector lácteo, reforzando o aproveitamento dos recursos mariños e pesqueiros a través da chamada biotecnoloxía azul; mellorando a eficiencia na sanidade animal e derivados, innovando na alimentación funcional e o envellecemento activo, avanzando nas novas tecnoloxías para a medicina personalizada, a diagnose e tratamento eficiente, e apoiando a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras.
Nese camiño, defendeu Conde, o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga se configura como unha “infraestrutura á vangarda de Europa coa que Galicia está a mellorar a competitividade da súa economía e posicionarse á cabeza da revolución nanotecnolóxica, utilizándoo como elemento tractor dos nosos centros de coñecemento”.