Tras o éxito das primeiras sesións «Ciencia e cinema: Mergúllate nos fondos mariños das Illas Cíes» e «Flora insular e interaccións humanas», celebradas en xullo e setembro respectivamente, cun aforo completo en ambos casos, nesta ocasión continúa a programación coa conferencia «Usos sostibles nas illas Cíes» que se celebrará no mercado gastrobar do Berbés, ás 20:30 horas.
A sesión estará dirixida polos investigadores Francisco Saborido, director do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), especialista en ecoloxía pesqueira de especies explotadas, e Miquel Planas, científico titular do mesmo centro (CSIC), xefe do Grupo de Bioloxía e Fisioloxía Larvaria e especialista no estudo e recuperación das poboacións salvaxes de cabalos de mar e peixes pipa.
As Illas Cíes forman parte dun entorno cunha enorme produtividade mariña que, ademais, constitúe un paraíso da diversidade mariña. Estas condicións permitiron o histórico desenvolvemento dunha flota artesanal pesqueira e marisqueira cunha actividade centrada maioritariamente en especies como o polbo ou a navalla. Pero ademais das especies mariñas produtivas existen especies de indubidable valor como iconas da nosa biodiversidade, como os cabalos de mar ou os peixes pipa.
O tema central da conferencia será a busca do equilibrio entre a actividade económica e a rica biodiversidade mariña que atopamos nas Illas Cíes.
Nas Cíes atópanse as dúas únicas especies de cabalos de mar presentes nas costas europeas, Hippocampus guttulatus e Hippocampus hippocampus, especies ameazadas que están protexidas na lexislación de diversos países europeos debido á súa vulnerabilidade e á regresión das súas poboacións silvestres.
Ademais dos cabalos de mar tamén se rexistraron en Cíes dúas especies de peixe pipa, con 35 exemplares da especie Syngnathus acus e un exemplar de Entelurus aequoreus. As investigacións realizadas nas Cíes parecen indicar que estas illas son ademais un área potencial de reprodución e cría destas especies.
A sesión tratará sobre a importancia de asegurar a conservación destas especies, teñan ou non valor comercial, e a necesidade de reorganizar as actividades humanas, establecendo áreas de reserva integral que aseguren as condicións de singularidade ecolóxica das illas Cíes.
O ciclo de conferencias divulgativas organizado polo Concello continuará ata finais de ano. Ao longo dese tempo se seguirán tratando temas de interese sobre as Illas Cíes como a historia, a xeoloxía, procesos, etc… que serán obxecto de estudo e traballo por parte dos comités de candidatura das Illas Cíes Patrimonio da Humanidade. O Concello pretende dar a coñecer á cidadanía o traballo realizado por estes comités en todo este proceso de candidatura.