A biotecnoloxía azul é aquela que promove a utilización sostible dos recursos mariños e costeiros para desenvolver solucións innovadoras en eidos como a acuicultura sostible, a conservación e restauración de ecosistemas mariños, a produción de alimentos mariños e a procura de compostos bioactivos con aplicacións na industria farmacéutica, cosmética e alimentaria.
Son actividades cun rol relevante no crecemento económico local que precisan dunha contorna de cooperación en I+D+I internacional que mellores a súa competitividade e a sustentabilidade do sector no espazo atlántico. E este é, precisamente, o obxectivo do proxecto Marinnonet, unha iniciativa liderada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que acaba de ser seleccionada no marco do programa Interreg Atlantic Area cunha dotación de 2,3 millóns de euros.
A finalidade do proxecto é mellorar as capacidades de innovación e transferencia no eido da biotecnoloxía azul dos países do espazo atlántico e reúne actores da cuádrupla hélice (academia, administración, empresas e sociedade) de España, Francia, Portugal e Irlanda dedicados á I+D+i de biotecnoloxía mariña para crear unha rede de cooperación transnacional que impulse a capacidade de innovación do sector.
Desta forma, lograrase a explotación conxunta das súas competencias e capacidades en beneficio da innovación azul para asegurar a súa competitividade na economía azul europea e mundial e o uso sostible dos recursos mariños, contribuíndo á adaptación ao cambio climático.
Marinnonet botará a andar en xaneiro de 2024 e terá tres anos de duración, nos que o obxectivo é crear unha rede transnacional de cooperación en I+D+i que permitirá potenciar a capacidade de innovación do sector da biotecnoloxía azul en tres campos de actuación: innovacións para unha acuicultura eficiente, sostible e resiliente; tecnoloxías ómicas de observación para preservar a biodiversidade mariña e restaurar a saúde do océano; e produtos mariños para aplicación industriais.
Cooperación internacional
O investigador principal do proxecto e catedrático do CIM, José Luis Soengas, destaca que “a cooperación transnacional é fundamental para alcanzar os obxectivos e resultados do proxecto, xa que as rexións da área atlántica enfrontan desafíos e oportunidades comúns no sector de biotecnoloxía azul”.
Así, a través de Marinnonet “coordinaranse accións para compartir recursos e coñecementos e abordar as necesidades locais desde unha perspectiva sistémica. Ademais, o proxecto beneficiará a empresas de biotecnoloxía azul, estimulando a innovación e o desenvolvemento de novos produtos”, engade.
Soengas subliña que esta iniciativa “é de grande importancia para o CIM, xa que brinda a oportunidade de fortalecer e mellorar as capacidades de innovación e transferencia no campo da biotecnoloxía mariña” e asegura que “ao formar parte desta iniciativa conxunta, o centro poderá colaborar con outros actores relevantes da cuádrupla hélice en diferentes rexións da área atlántica, o que ampliará a súa rede de contactos e potenciará a transferencia de coñecemento e tecnoloxía”.
Ademais, o investigador principal tamén recalca que este proxecto axudará a fomentar “a creación de novos produtos, servizos e empresas no sector da biotecnoloxía azul. Isto pode xerar emprego e promover o desenvolvemento económico nas rexións costeiras e mariñas dos países implicados”.
Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, tamén considera que “a sinerxía entre equipos de investigación de diversas disciplinas é unha das grandes fortalezas do centro. Esta é fundamental para afrontar os grandes desafíos da nosa sociedade cun enfoque integral e innovador”.
A través do liderado destes proxectos colaborativos e interdisciplinares, engade, “o CIM impulsa o desenvolvemento da economía azul, ofrecendo solucións innovadoras para a industria e aplicacións concretas en áreas como a acuicultura sostible, a conservación da biodiversidade mariña e a produción de novos produtos mariños”.
Socios da cuádrupla hélice
Xunto co CIM, forman parte do proxecto Marinnonet entidades académicas e de investigación como a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidad del País Vasco, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC, a University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), Sorbonne Université (Francia), Munster Tecnological University (Irlanda) e o Centro Interdisciplinar de InvestigaÇao Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal.
Ademais, no proxecto colaboran representantes da administración pública como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Hazi Fundazioa, a Sociedad de Promoción Económica de Gran Canaria e a Irish Bioeconomy Foundation (Irlanda). Como representantes da sociedade están o grupo de acción costeira GALP Ría de Vigo e o grupo de acción local pesqueiro do país vasco Itsas Garpen Elkarta Flag. No eido empresarial, participan a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco), a AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal), o cluster Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e Blue Bioeconomy CoLAB (Portugal).
Acuicultura, tecnoloxías ómicas e materiais bioactivos
O proxecto arrancará cunha primeira fase na que se realizarán reunións de innovación aberta e co-creación para establecer as temáticas, desafíos e oportunidades comúns do territorio organizados arredor de tres campos de acción. O primeiro é a acuicultura eficiente, sostible e resiliente, para abordar os retos en fisioloxía, nutrición, xenética e reprodución dos organismos cultivados, así como o control das súas enfermidades, beneficiando ás actividades acuícolas, marisqueiras e pesqueiras.
Un segundo eido centrarase en como o uso de tecnoloxías ómicas contribuirá a descifrar a complexidade das interaccións biolóxicas e ambientais nos ecosistemas mariños, a súa biodiversidade e protección, proporcionando ás administracións públicas as ferramentas e coñecementos necesarios para predicir e adaptarse aos efectos do cambio climático global e salvagardando a saúde e o benestar humano.
Por último, no terceiro campo de acción desenvolveranse tecnoloxías para o illamento e procesamento de materiais bioactivos de organismos mariños, abordando en particular enfoques máis sostibles aplicados a subprodutos mariños ou recursos pouco explotados, co obxectivo de aplicalos de maneira sostible en biomedicina, farmacoloxía, cosméticos e alimentos.
A partir de aí, o proxecto lanzará convocatorias internas de proxectos piloto que ofrezan solucións prácticas a estes desafíos, dando lugar así á transferencia real deste coñecemento ao mundo empresarial e á sociedade.