O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, establecido no polígono da Granxa, completou este martes unha viaxe experimental cun sistema intelixente de axuda á condución que recibe información en tempo real dos semáforos para así mellorar a seguridade viaria.
Os responsables do CTAG, encabezados polo director xeral, Luis Moreno, explicaron o sistema, que aínda está en fase de probas, á alcaldesa do Porriño, Eva García, e aos concelleiros de Tráfico, Sergio Casal, e Novas Tecnoloxías, David Alonso.
O test, desenvolvido en varios vehículos equipados con esta tecnoloxía, tivo lugar na avenida Domingo Bueno e na avenida Antonio Palacios. Nestas dúas rúas hai un total de sete semáforos equipados con dispositivos V2X que envían o sinal a través de ITS ou 5G a teléfonos móbiles. Deste xeito, informan sobre a fase na que se atopa o semáforo (verde, ámbar ou vermello) e sobre o tempo restante para que o semáforo cambie de fase.
Ao remate da viaxe, a alcaldesa manifestou “o orgullo que sentimos no Porriño pola contribución que centros de investigación como o CTAG realizan para a mellora da seguridade, que supón un pulo para o desenvolvemento tecnolóxico”. “Como falaba con Luis Moreno, teño a satisfacción de ser a alcaldesa dunha cidade laboratorio”, engadiu. O director xeral remarcou que o obxectivo do seu centro é “desenvolver tecnoloxía útil”.