O satélite vigués despegou ás 3.07 horas, tal e como estaba previsto. Sucesor de Xatcobeo, Humsat e Serpens, Lume-1 é una evolución dos seus antecesores, “compartindo que é un satélite fundamentalmente de comunicacións, pero inclúe moitas melloras tecnolóxicas respecto deles”, en palabras de Fernando Aguado, docente e investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo.
Os novos servizos incluídos permiten, entre outros, a comunicación bidireccional, comunicación a grupo, comunicación directamente entre terminais da mesma zona de cobertura, comunicación segura… Ademais, como misións secundarias, o satélite da Universidade de Vigo incorpora a posibilidade de realizar monitorización do espectro, así como recepción de sinais provenientes de avións (ADSB), así como a de usar o sistema de comunicacións Totem coma un laboratorio de probas de comunicacións en voo, ao poder redefinilo totalmente en terra, subir a súa nova configuración desde a estación de terra e “reconstruír” unha nova radio a metade de misión.
Totem está baseado nunha radio definida por software e foi totalmente redeseñado, permitindo operar ao satélite de xeito moito máis eficiente en tres bandas de comunicación diferentes: UHF, S e L coa mesma radio. O proxecto forma parte do programa FIRE-RS de loita contra os lumes forestais e no que ademais da institución académica olívica, participan a Universidade de Porto e o CNRS francés.
Con este lanzamento, culmina o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación. “Todos os estudantes e investigadores que participan no proxecto FIRE-RS pertencen ás facultades de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática, que son o núcleo do Agrupación Aeroespacial”, detalla Aguado.
O momento lo lanzamento pode verse neste vídeo (1h 06’).