O proxecto de I+D+i consiste no desenvolvemento dun programa de simulación de procesos (EasyProcess) que permite analizar os fluxos dos pacientes nos servizos, e estudar propostas alternativas para mellorar e axilizar a asistencia sanitaria.
A primeira versión da ferramenta permitirá detectar en que probas ou áreas é posible optimizar os tempos de resposta e a súa repercusión na mellora da calidade, facilitando a procura de solucións para este fin.
O proxecto, desenvolvido por un equipo multidisciplinar de 6 profesionais de Gradiant e da EOXI de Vigo, enmárcase no acordo de colaboración asinado entre ambas as entidades para impulsar a innovación na asistencia sanitaria.
Variables que condicionan a atención
EasyProcess, o software de simulación de procesos de Gradiant, analiza datos sobre o funcionamento dos procesos do centro hospitalario para elaborar un modelo a través de minería de procesos. A ferramenta permite aos xestores asistenciais modificar, segundo as súas necesidades, distintas variables para comparar, de forma sinxela e obxectiva, as diferentes propostas de mellora.
O proxecto permite simular diversos escenarios de atención hospitalaria no centro, introducindo modificacións para adaptarse aos distintos condicionantes ou factores que inciden na asistencia. O obxectivo último é xestionar melloras na calidade da atención.
Para o xefe do servizo de Urxencias, Luis Amador, “os procesos sanitarios, incluídos os de urxencias, son extremadamente complexos; necesitamos ferramentas tecnolóxicas que nos asistan na súa análise e optimización”. Na mesma liña, a responsable da área de e-salud de Gradiant, Helena Fernández, explica que “a calidade asistencial dos pacientes ten en conta infinidade de factores e variables, o noso reto é que a ferramenta sexa o máis precisa posible para telos todos en conta”.
Innovacións no sector da sáude
Gradiant é unha fundación privada sen ánimo de lucro especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas nos ámbitos da conectividade, intelixencia e seguridade. As súas innovacións no sector da saúde inclúen aplicacións tan diversas como un sistema para axudar á toma de notas clínicas durante a exploración dun paciente, ou o desenvolvemento dun sensor de frecuencia cardíaca e respiratoria para a monitoraxe das constantes dun paciente a distancia.