O 2020-2021 será un curso de moitos cambios na Universidade de Vigo froito da experiencia adquirida pola institución para adaptarse á situación de emerxencia da segunda parte do curso pasado. Unha das principais novidades, que estará dispoñible a próxima semana, é un novo portal de teledocencia que substituirá a FaiTic. Bautizado como MooVi, está baseado nunha instalación na nube da última versión dispoñible de Moodle, que é a plataforma estándar dentro das tecnoloxías de software libre no ámbito da teleensinanza.
Esta medida enmárcase nun plan de mellora deseñado pola Reitoría para facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña. O cambio permite actualizar a actual plataforma de teledocencia, FaiTic, creada en 2003, que actualmente integra versións obsoletas de dous LMS (Learning Management System) como son Claroline e Moodle, o que dificulta a súa xestión, provocando, por exemplo, problemas de seguridade e protección fronte a ciberataques, de rendemento na conexión ou imposibilidade de instalación de funcionalidades adicionais.
Este novo portal de teledocencia estará operativo no enderezo http://moovi.uvigo.gal unha vez finalice a matrícula do alumnado da ABAU de xullo, cuxo último chamamento remata o día 7 de setembro. Deste xeito, xa poderán estar creadas na plataforma todas as materias de todas as titulacións oficiais e dados de alta o profesorado e o alumnado.
Vantaxes da nova plataforma
A entrada en funcionamento de MooVi permitirá que a comunidade universitaria dispoña dun conxunto de funcionalidades que non soportaba FaiTic. Entre as novas vantaxes está a integración do software antiplaxio Turnitin nas actividades dos cursos, así como o uso dunha App con notificacións ao móbil e acceso a contido offline. Ademais, MooVi tamén permitirá a integración con Campus Remoto, o que fará innecesarios os mini-Moodles utilizados o curso pasado, así como a integración con futuros servizos da UVigo, como un sistema de identidade centralizada (SSO-Single Sign On), que estará dispoñible entre setembro e outubro.
O futuro de FaiTic
A plataforma FaiTic deu os seus primeiros pasos en 2003 como sistema de Xestión da teledocencia da Universidade de Vigo e, dende o curso 2005-2006 xa estaban activos nela docentes e estudantes. Neste curso que está a piques de arrancar o portal seguirá estando operativo, aínda que non se poderán crear materias novas. Ao longo destes próximos meses, recoméndase realizar a migración dos contidos de FaiTic a MooVi, coa vista posta en comezar o curso 2021-2022 xa na nova plataforma. Por outra banda, as persoas que viñan empregando Claroline poderán seguir facéndoo durante un curso máis ou ben optar por migrar á nova plataforma.
Para facilitar este proceso a Universidade porá a disposición da comunidade universitaria distintas ferramentas de apoio, así como actividades formativas.
Campus Integra completa o apoio á docencia
O curso que arranca compaxinará a docencia presencial en arredor de 17 graos e 30 mestrados co sistema mixto que alternará as clases na aula coa virtualidade. Para facelo posible, a Universidade de Vigo creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade. Deste xeito, proporciónase o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática), permitindo a docencia simultánea a alumnos na aula física e na aula virtual. Para conseguilo, as aulas e espazos adicionais como salóns de actos ou de graos que se van converter en Aulas Integra contarán con equipos persoais como ordenadores ou tabletas, que darán soporte a un “encerado virtual” que poderá verse simultaneamente polos alumnos presentes na aula e por aqueles que sigan as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Estes dispositivos permitirán tamén a docencia desde o domicilio do profesorado se nalgún momento é necesario.