O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titúlase “Bases científicas da revolución dos metais no século XX. Unha prospección tecnolóxica”. Logo de pronuncialo, recibirá a medalla e o diploma de académico de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos.
Ao acto asistirán o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Isabel Rodríguez Moldes; o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela; e o vicepresidente Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, entre outros.
Pedro Merino Gómez (1943) é na actualidade profesor emérito da Universidade de Vigo. Desde a obtención do seu título de enxeñeiro industrial en 1971 e até 1985 exerceu en diversas empresas do sector metalúrxico, alternando desde 1979 o seu labor profesional coa docencia na Universidade de Vigo. A partir de 1987 foi profesor titular a tempo completo. A súa actividade investigadora iniciouse no ano 1985, cando comezou a súa tese doutoral sobre a corrosión atmosférica dos aceiros. Uns anos máis tarde, participou na elaboración dun mapa detallado da corrosividade atmosférica en Galicia e dos efectos da chuvia ácida debido á concentración de plantas térmicas de produción de enerxía eléctrica mediante a combustión de lignitos.
É un dos membros fundadores e codirector do grupo de investigación ENCOMAT (Enxeñería da Corrosión e Materiais), recoñecido como grupo excelencia pola Xunta de Galicia. Os seus proxectos de I+D centraronse principalmente na modificación superficial de diversas aliaxes, primeiro mediante revestimentos metálicos e pinturas para protexer as aliaxes metálicas fronte á corrosión atmosférica e, posteriormente, mediante a implantación iónica de distintos elementos para mellorar a resistencia á corrosión. A longo dos dez últimos anos dirixiu nove proxectos de investigación, participou nun total de 21 proxectos competitivos e dirixiu 12 teses doutorais.
Foi director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo entre 1989 e 1994, vicerreitor de Desenvolvemento e Transferencia de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade de Vigo entre 1998 e 2002, vicerreitor de Relacións Institucionais da mesma universidade entre 2002 e 2003 e director xeral de I+D da Xunta de Galicia entre 2003 e 2005, cargo no que sucedeu ao actual presidente da RAGC. Durante esta etapa como responsable das políticas de investigación do Goberno galego, puxo en marcha a figura dos contratos posdoutorais Isidro Parga Pondal e a elaboración do Plan Estratéxico da Innovación en Galicia 2020.