A Axencia Estatal de Investigación (AEI), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, acaba de concederlle á Universidade de Vigo algo máis dun millón de euros (1.089.970) para a posta en marcha de nove proxectos de Proba de Concepto, traballos dirixidos a acelerar a transferencia de coñecemento e os resultados xerados en proxectos de investigación básica, en progreso ou recentemente finalizados dentro do Plan Estatal de Investigación.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, son 400.000 euros máis ca na anterior convocatoria, na que se conseguiran 681.000 euros destinados á realización de dez proxectos. A convocatoria do ministerio contou nesta ocasión cun orzamento total de 40 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation EU, que foron repartidos entre máis de 80 organismos de todas as comunidades, entre eles a UVigo, a quen lle foron concedidas 9 das 17 solicitudes presentadas, o que supón máis dun 50% de éxito acadado.
“A Universidade de Vigo xa tiña unha forte traxectoria en transferencia do coñecemento e isto maniféstase no éxito acadado, tanto nesta como na pasada convocatoria”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación Belén Rubio, quen subliña que máis do 75% (822.335€) do financiamento acadado corresponde a centros como Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo) e atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), nos que predomina a transferencia como un efecto tractor no motor económico industrial para Galicia, con temáticas tan diversas que afectan ao transporte, a enerxía, a sostibiiidade, e incluso ferramentas aplicadas á medicina e a saúde.
“Casi o 25% restante corresponde a proxectos no marco do recén creado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, de cara a transición de sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares”, explica a vicerreitora, quen considera que esta intersección ou sinerxia da investigación entre a agricultura e a alimentación desde enfoques agroecolóxicos, “promoverá unha especialización intelixente baseada na colaboración con empresas e a xeración de impacto en produtos innovadores”.
A UVigo, “ben preparada e forte”
A xuízo da vicerreitora, a UVigo está “ben preparada e forte” para xogar un papel relevante á hora de abordar grandes desafíos como a transición ecolóxica e xusta, a dixitalización e o reto demográfico, así como moitos dos retos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Nesta liña, Rubio manifesta a intención do actual equipo de goberno de seguir reforzando a transferencia e potenciando os vínculos entre o sector público e o sector privado. “Polo tanto manteremos o estímulo á actividade de transferencia do PDI incrementando nun 10% a partida de produción de investigación e transferencia, así como moitas das actividades de relación coas empresas: xornadas de transferencia, visitas a empresas, asistencia a foros, etc.”, recalca a vicerreitora.
Estes fondos destinaranse, tal e como se estipula na propia convocatoria das axudas, a financiar actividades de desenvolvemento, valorización, protección, transferencia e explotación dos resultados da investigación. Non se trata de continuar a investigación dos proxectos previos, senón de emprender accións dirixidas a progresar nas primeiras etapas do desenvolvemento pre-competitivo e facilitar a transferencia ou explotación dos resultados, xa sexa en forma de produtos, bens, servizos ou calquera outra aplicación que sexa beneficiosa para a economía, a sociedade, a cultura ou as políticas públicas.
Seis proxectos para o Cintecx
A maior parte dos proxectos seleccionados pertencen ao ámbito tecnolóxico e están liderados por investigadoras e investigadores do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, contando case todos cun orzamento que oscila entre os 100.000 e os 150.000 euros. Dentro destes proxectos vinculados ao Cintecx, o que conta cun maior orzamento (143.750 euros) é o liderado polos profesores José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes e vai dirixido a validar os usos potenciais de bisurfactantes obtidos de licores de lavado de millo como biopesticida e conservante na industria agroalimentaria, unha liña de traballo na que o equipo EQ10 da UVigo conta cunha longa traxectoria investigadora.
A resolución da convocatoria deixa tamén boas novas para o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas. Dunha banda, subvenciónase con 138.000 euros a posta en marcha dun proxecto, liderado pola profesora Belén Riveiro, dirixido á creación dunha ferramenta que permita vixiar de xeito seguro e preciso a saúde de estruturas europeas históricas en servizo a partir de datos experimentais non destrutivos e da calibración de modelos numéricos para análise estrutural. Doutra banca, outórganse 126.500 euros, ao proxecto Software multi-capa para o procesamento en liña de datos lidar enfocado á monitorización do transporte, dos profesores Pedro Arias e Joaquín Martínez, e co que se busca seguir impulsando a transformación dixital e a innovación tecnolóxica no transporte e a mobilidade como un sector tractor.
Ao Grupo de Tecnoloxía Enerxética tamén se lle concederon dúas axudas. 138.000 euros irán destinados a un proxecto liderado polos profesores Pablo Eguía e Enrique Granada dirixido ao desenvolvemento de dispositivos intelixentes de modelado e optimización enerxética de edificios, unha proba-concepto coa que se pretende trasladar de forma efectiva o Know-how derivado de anteriores proxectos sobre monitorización enerxética de edificios a aplicacións reais de edificación. O segundo proxecto, subvencionado con 115.000 euros, está dirixido polos profesores Jacobo Porteiro e David Patiño e ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun filtro electrostático autorrexenerativo para a redución da emisión de partículas na combustión doméstica de biomasa.
A maiores tamén se concedeu unha axuda de 21.275 euros a un subproxecto dun traballo liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela. Coordinado na UVigo polo profesor Enrique Casarejos, do Grupo de Deseño e Simulación numérica en enxeñaría mecánica, o obxectivo deste proxecto é o estudo e construción dun prototipo funcional de miniescáner para estudos preclínicos baseada nunha tecnoloxía desenvolvida previamente pola USC.
AtlanTTic: Tecnoloxía e saúde
Tamén do ámbito tecnolóxico, pero neste caso vinculado a atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, concedeuse unha axuda de 143.300 euros a unha proba-concepto dirixida polo profesor José Luis Alba e coa que se buscará o desenvolvemento dunha aplicación da tradución da lingua de signos en contornas de saúde. Trátase de demostrar nunha contorna relevante, a sanitaria, a viabilidade da tecnoloxía de recoñecemento da lingua de signos para a comprensión de frases curtas.
Instituto de Agroecoloxía e Alimentación
Tal e como explicou a vicerreitora, dous dos proxectos aprobados están vinculados ao recén creado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. O proxecto que recibiu un maior financiamento, algo máis de 146.000 euros, está liderado pola profesora María Luisa Rúa, do Grupo de investigación agrarias e agroalimentarias. Neste caso, o obxectivo da proba-concepto é buscar o escalado e valorización comercial dun proxecto anterior dirixido á xeración encimática e eficiente a partir da palla do trigo de xilooligosacáridos de distintos pesos moleculares e propiedades funcionais e tecnolóxicas para a súa reincorporación final como ingredientes alimentarios.
Completa o catálogo de novos proxectos de proba-concepto un traballo destinado á produción piloto e demostración nunha contorna operativa do novo ecoherbicida Biollets, proxecto coordinado pola profesora Nuria Pedrol, do Grupo de Agrobioloxía Ambiental: calidade, solos e plantas. Trátase neste caso de completar o proceso de transferencia deste bioproduto fitosanitario inspirado na natureza e fabricado a partir de subprodutos agroforestais.