Inspira STEAM, o proxecto educativo que lideran na provincia a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas chegará no vindeiro curso 2022-2023 a súa quinta edición cun excepcional balance que este luns presentou a vicerreitora Natalia Caparrini acompañada da presidenta Carmela Silva, no edificio Redeiras de Vigo.
Para a presidenta provincial, este programa é “fundamental” para que no futuro a presenza igualitaria das mulleres sexa unha realidade neste eido tecnolóxico onde van estar os empregos de calidade do futuro. “Vivimos nun mundo onde a dixitalización, a innovación e a intelixencia artificial son xa un elemento fundamental da economía e das transformacións, e se as mulleres non estamos imos estar de novo nunha situación de discriminación e de perda de capacidade de decidir, e o mundo seguirá sendo peor porque cando a metade do talento non está na toma de decisións, a sociedade perde capacidade de avanzar”, indicou.
Nos últimos catro anos teñen participado neste programa de sensibilización na provincia 102 mentoras e mentores, que foron quen achegaron estes contidos igualitarios a 1.553 estudantes de 41 centros educativos da provincia.
Carmela Silva subliñou a importancia de proxectos de colaboración entre as administracións e a universidade como “Inspira STEAM”, centrados en inculcar “paixón e compromiso” entre as nenas por estas materias nas idades temperás que abarca a iniciativa, os 10 e 11 anos, a fin de “traballar para construír unha sociedade na que as persoas teñan as mesmas oportunidades e poidan ocupar espazos en igualdade”.
Neste senso, a presidenta lembrou a actual escasa representación feminina nas titulacións STEAM, “con datos preocupantes” que revelan que as mulleres non chegan ao 20% nas matriculacións dalgunhas carreiras, a pesar de que nas etapas educativas anteriores “somos boísimas en matemáticas”. “Pero logo decidimos non matricularnos nestas carreiras, porque desde que nacemos vannos orientando cara onde temos que ir”, indicou. “Hai mulleres –engadiu- e temos que acadar que teñan liberdade de decidir o que queren e que saiban que temos que estar neste mundo da tecnoloxía, porque se non, o 80% dos que se matriculan nestas carreiras van ser os que dirixan o mundo e será un mundo moi feo. Aquí estamos a construír un mundo bonito”.
A falta de referentes femininas e a invisibilidade das mulleres neste ámbito son as outras dúas eivas que manteñen esta situación de desigualdade. Deste xeito, a presidenta da Deputación destacou o labor das mentoras, e tamén dos mentores, do programa, que son quen están a achegar esta información ás rapazas e rapaces dos centros educativos da provincia. “É moi importante o seu papel –subliñou- na visibilización das mulleres deste ámbito, que as houbo sempre, pero non as vemos. E está moi ben que haxa mentores que vaian poñer en valor nos centros que hai mulleres grandes. Valóroo moito, porque o mundo non vai cambiar sen eles. Téñense que sumar. E ter neste programa a homes que participan activamente para atraer nenas e mozas a todo este coñecemento ten un enorme valor”. “Debemos ter un compromiso por actividades que fomenten que as nenas desenvolvan gusto e capacidade por estas cuestións, e que tamén eles teñan paixón por outras como os coidados. Queremos unha sociedade onde nós e eles esteamos representados ao 50% en todo”.
Balance da cuarta edición e arranque da quinta
A vicerreitora fixo balance da cuarta edición deste proxecto de sensibilización que naceu no ano 2016 na Universidade de Deusto e que na provincia desenvolven a Deputación e a Uvigo desde 2018. A través deste proxecto pioneiro, mulleres profesionais destas disciplinas titorizan grupos de nenas e nenos de centros escolares da provincia, para que poidan ver en directo referentes femininas STEAM e valoren estas profesións para o seu futuro.
Está centrado no alumnado de sexto de Educación Primaria e durante as sesións as mentoras/es desprázanse aos centros, onde traballan con recursos e actividades lúdicas sobre que son as STEAM, os estereotipos, as profesións e as mulleres STEAM. Caparrini destacou que curso a curso incrementouse a participación, que pasou de 16 mentoras, “que son o corazón do proxecto” na primeira edición a 36 nesta cuarta, e de 5 colexios a 15. Neste curso as actividades chegaron a un total de 286 nenas e 282 nenos.
Na súa vindeira edición, o programa seguirá a liña das anteriores coas seis sesións de sensibilización que realizarán mentoras e mentores en cada centro, trala súa propia formación, e elaborarase novo material audiovisual. Neste senso, está previsto editar tres vídeos e 5 pílulas que sigan a serie “Queres ser unha muller STEAM?”, que o pasado curso centrouse nas titulacións de Enxeñerías de Minas e Enerxía, Forestal e Telecomunicacións, e nesta vindeira farao nas Enxeñerías Industriais, Agraria e Aeronáutica.
Por outra banda, a vicerreitora deu tamén a coñecer os resultados do primeiro estudo promovido pola Universidade de Deusto acerca do impacto que ten “Inspira STEAM” nas mozas e mozos que participan, comparando as respostas ofrecidas por un grupo que tomou parte na iniciativa con outro que seguiu coas súas clases habituais. Neste senso, destacou que as conclusións revelan unha melloría das nenas participantes en apartados por exemplo como a actitude ante a tecnoloxía, e tamén no coñecemento de referentes STEAM.
“O grupo que participou no programa aumenta claramente as referencias femininas tralas sesións en 12 puntos cando a priori, tanto os nenos como nenas, teñen máis referentes masculinos”. Tamén se notou un aumento das preferencias por profesións vinculadas á vocacións STEAM entre as nenas que participaron no programa”.