O investigador principal do proxecto, Fernando Aguado, explica que o estado do satélite “é moi bo e está indo todo segundo o que se agardaba”. De feito, acaba de rematar a fase de Commissioning e o LUME-1 “está en operación nominal e atópase listo para realizar as probas do sistema completo”.
Sobre este cubesat aséntase o proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais, financiado pola Unión Europea con máis de dous millóns de euros e no que ademais da Universidade de Vigo participan a Universidade de Porto e o CNRS francés. A misión do LUME-1 é dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo grupo CIMA da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto.
Isto permitirá, nunha seguinte fase que xa non forma parte do proxecto FireRS, que unha rede de sensores instalados en terra detecten o comezo dun lume nun radio de ata dous quilómetros de cada sensor e enviará esa información ao satélite LUME-1 que, automaticamente o notifica ao centro de control de incendios, onde este datos se actualizan con información sobre a evolución previsible das lapas.
Como detalla Fernando Aguado, o desenvolvemento do proxecto “está finalizado e validado con probas cun incendio real que se realizaron de forma illada en decembro en Silleda cos detectores de lume realizados por CIMA. De feito, hai algo máis dunha semana realizouse “a integración final con terminais que comunicarán co satélite, aínda que xa se realizaron probas con prototipos e simuladores”.
O seguinte test está previsto para finais deste mes, cunha sesión de demostración con lume simulado e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, tamén con lume real, para poder probar os sensores e o satélite. Xa en maio haberá outro test en Porto no que se implicarán vehículos aéreos non tripulados e o satélite.
Nestes tres meses co LUME-1 en órbita, os investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo tan só detectaron unha incidencia, que ademais entraba dentro do previsible: a presenza de fortes interferencias sobre Europa. Isto débese, por un lado, a que os radares de vixilancia operan na mesma banda, un fenómeno que xa detectaran nos satélite Humsat-D e Serpens, e por lado, a que cada vez se lanzan máis cubesats. Para compensar estas interferencias, resalta Aguado, “realizouse un extenso número de probas, variando a configuración da carga útil de comunicacións que recibe os datos dos sensores, así como avaliando a potencia necesaria da transmisión dos datos dende estes terminais”.
Probas realizadas ata agora
Ademais das probas orientadas á configuración de todos os subestimas da plataforma do LUME-1, como computador, potencia ou comunicacións estándar, realizáronse máis de 25 probas específicas con terminais de proba idénticos aos que levarán os sensores de lume. Estes test consistiron en analizar a comunicación bidireccional (satélite-terminal e terminal-satélite) “para buscar a mellor configuración que garanta que cando un terminal detecta un lume sintético ou real nas probas do proxecto, esta mensaxe chegue a través do enlace vía satélite ata a estación de control na Universidade de Vigo e, despois, a través de internet ao centro de control que está situado en Toulouse”, detalla Aguado.
De cara ao futuro e cos vista posta na utilidade real da tecnoloxía do FIRE-RS, Fernando Aguado subliña que para que o concepto sexa totalmente funcionario, “sería necesario completar a rede de sensores, así como completar o segmento espacial cunha constelación que garantise un tempo de revisita de acordo aos requisitos de detección temperá do lume”. É dicir, puntualiza o investigador, “a tecnoloxía está madura para as seguintes fases, que están máis aló do obxectivo deste proxecto demostrativo”, conclúe.
Máis tempo do previsto en órbita
Todos os datos do excelente estado actual do LUME-1 indican que a operación do satélite poderá estenderse máis aló da finalización do período de execución do proxecto FIRE-RS. Para o investigador da Agrupación Aeroespacial, resulta “moi difícil” realizar unha estimación do tempo que o cubesat pode estar en órbita “ao non ter redundancia e ao estar baseados en compoñentes COTS”, pero non descarta que poida operar durante un “período bastante máis longo”.
Ademais, sinala o docente, “debido a que a carga útil de comunicacións está baseada na tecnoloxía denominada “radio definida por software”, será posible tamén realizar máis experimentos educacionais e tamén dar servizo á comunidade de radioafeccionados.