Federico Lozano, mexicano e neto de galegos, imparte na Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía as materias de innovación, «desing thinking» e deseño para enxeñeiros, unha actividade que compaxina co traballo con empresas e gobernos a través da súa startup Pracademy. A vindeira semana Lozano chegará á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo para impartir dous obradoiros, un o luns día 3 de outubro para o alumnado do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación de outro os días 4 e 5, organizado pola Escola en colaboración con INEO, destinado a directivos, emprendedores, xestores de proxectos e persoal investigador.
As e os asistentes aos cursos aprenderá da man de Federico Lozano a enfocarse na experiencia humana e non tanto en temas técnicos, cuantitativos ou altamente teóricos, a través da adopción de ferramentas tradicionalmente usadas na antropoloxía como a observación, as entrevistas cualitativas e a inmersión empática ao tempo que usarán técnicas de visualización e creación de ideas tradicionalmente implementadas no campo do deseño. Pero, pero por que as ferramentas do deseño tradicional resultan útiles se se aplican a outros ámbitos? “Sobre todo porque axudan a individuos altamente analíticos, lóxicos e estruturados como, por exemplo, xestores de negocios e enxeñeiros a usar máis do usual o lado dereito dos seus cerebros. Este hemisferio é o creativo, o intuitivo, o artístico- onde nace a paixón, a emoción e a maioría dos flashes de iluminación- .É a parte da nosa mente que desafortunadamente deixamos de usar ao medrar e ao converternos en membros ben establecidos e “responsables” da sociedade”, explica Lozano, que destaca que as persoas que participen nos obradoiros tamén construirán prototipos rápidos con materiais moi simples como cartón, plástico ou papel, que axudarán a comunicar as súas ideas ao mundo exterior.
Moitas das actividades levaranse a cabo nas rúas de Vigo e non nas aulas das universidade, de xeito que o alumando poda percibir “que a exploración, o entretemento e a aprendizaxe van de man en man e a innovación non é algo que pasa só en obradoiros secretos en Silicon Valley, ou na mente de personaxes máxicos como Steve Jobs o Nikola Tesla”, asegura o docente, que está a participar no proxecto europeo Eramus+ DiamonDT, no que toma parte a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, co obxectivo de introducir o desing thinking nas escolas europeas de enxeñaría. E é que, segundo o director do centro, Íñigo Cuiñas “os enxeñeiros dos próximos anos deben ser quen de ir máis aló dos seus coñecementos técnicos, que son e serán moi importante na súa formación e desenvolvemento persoal, para chegar a entender ás persoas que van usar as súas solucións, de xeito que estas sexan as que se adapten aos usuarios e non ao revés”.
Individuos apaixonados pola aprendizaxe e a contribución social
Mentres aumenta o número de universidades que están a incorporar o desing thinking nos seus plans de estudos, Federico Lozano mantén que “a clásica estrutura universitaria onde o profesor é o experto sabelotodo e o alumnado son receptores baleiros e pasivos de información non só é moi antiga, senón moi tonta e arrogante”. Fronte a este panorama, o experto en desing thinking apela a estudos que confirman que o mellor xeito de aprender é a través da construción, socialización e implementación altamente interactiva e non a través da transferencia de información, a memorización e o exame. “ Isto é sobre todo certo cando a meta é crear seres humanos dispostos a tomar riscos, a cometer erros, a romper co status quo, a cambiar rutinas tradicionais que non funcionan e converterse en apaixonados pola aprendizaxe e pola contribución social. O desing thinking é o exemplo perfecto dunha metodoloxía que depende completamente da aprendizaxe aplicada, experiencial e altamente visceral”, aclara Lozano.
O alumando do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación poderá asistir de xeito gratuíto ao obradoiro do luns 3 de outubro, mentres que os días 4 e 5 terá lugar o segundo dos cursos, destinado, neste caso, a profesionais alleos á Universidade, que deberán formalizar a súa inscrición. A eles sumaranse as e os participantes do programa Incuvi-Emprende e o estudantado coas mellores cualificacións na materia Laboratorio de proxectos, “que se imparte no cuarto curso do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, centrada na realización de proxectos que remata na feira demostrativa LPRO Days”, e ao que a Escola invitou a participar, explica Cuiñas.
Artigo orixinal: Mª del Carmen Echevarría (Duvi)