O ranking da páxina web norteamericana Expertscape, que clasifica a persoas e institucións pola súa experiencia en máis de 29.000 temas biomédicos, sitúa como o primeiro experto mundial en carne a José M. Lorenzo, profesor asociado na Área de Tecnoloxía dos Alimentos, na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e responsable da Área de Tecnoloxía de Produtos, Procesos e Envasado de Alimentos no Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia.
“Trátase dunha enorme satisfacción xa que supón un recoñecemento da miña traxectoria científica a nivel internacional, así coma das investigacións levadas a cabo no Centro Tecnolóxico da Carne e na Universidade de Vigo. Ademais, esta distinción provén de EEUU, un país no que a carne é un alimento básico na súa alimentación e onde se leva a cabo unha parte importante da investigación nesta área”, comenta José M. Lorenzo. Ser recoñecido como o maior experto en carne do mundo, engade, “anímame a seguir traballando coma ata agora” pero agarda que lle “abra a porta a novas colaboracións con outras institucións ou investigadores de ámbito nacional e internacional”. O ránking, destinado á medicina pero que publica clasificacións en distintos campos técnicos e científicos, basea o posto de José M. Lorenzo en 117 artigos publicados por este autor desde 2010 e en competencia con 90.836 expertos no eido da carne de todo el mundo.
O profesor asociado da UVigo tamén salienta a importancia de que se valorice a investigación que se está realizando no eido da carne. Así, lembra, “Galicia encabeza a produción nacional de carne nos sectores porcino e avícola” e “o sector cárnico enfrontase a un consumidor moito máis concienciado e sensibilizado por coidar a súa saúde, o que se une ás recomendacións das organizacións internacionais que aconsellan unha redución do consumo de graxa total”. Ante esta situación, detalla, “o sector cárnico galego vese obrigado a una reformulación dos seus produtos cárnicos” que “ademais de satisfacer as demandas nutricionais dos consumidores, debe manter as características organolépticas dos produtos tradicionais, sen afectar significativamente o seu sabor”. “Todo isto destaca a importancia da investigación neste sector, xa que permite dinamizar e mellorar a súa capacidade competitiva e valorizar o tecido empresarial galego, contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico e ao proceso de modernización empresarial de Galicia, en particular das pemes, que necesitan una sensibilización respecto á importancia da innovación tecnolóxica”.
Dilatada traxectoria
Doutor en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, José M. Lorenzo conta cunha dilatada experiencia investigadora de máis de 15 anos, centrada na mellora e caracterización de produtos cárnicos, que desenvolve no seu posto no Centro Tecnolóxico da Carne. Nos últimos cinco anos, ten participado como investigador en 75 proxectos (seis internacionais, dez estatais e 59 autonómicos) e como investigador principal en 42 proxectos (catro internacionais, sete nacionais e 29 autonómicos). Entre as principais liñas de investigación que está desenvolvendo na actualidade destaca o desenvolvemento de produtos cárnicos máis saudables (baixos en graxa, sal e nitritos), a redución de aditivos en produtos cárnicos, a aplicación de tecnoloxías emerxentes no procesado de alimentos, a incorporación de compostos bioactivos en alimentos, o aproveitamento de subprodutos das industrias agroalimentarias e o desenvolvemento de novos sistemas de envasado activo e/ou intelixentes.
Ten publicado ata o momento 395 traballos científicos indexados (SCI) na área de Food Science, dos que 170 traballos teñen un índice h de 40; conta cunha patente e é autor de máis de 230 comunicacións a congresos estatais e internacionais. Ademais, é editor de nove libros, autor de 54 capítulos de libros, editor asociado de cinco prestixiosas revistas no ámbito dos alimentos (Food Analytical Methods, Journal of the Science Food and Agriculture, Animal Science Journal, Canadian Journal of Animal Science e Food Research International), e membro editorial de outras tres (European of Lipid Science and Technology, LWT-Food Science and Technology e Journal of Functional Food). Na Universidade de Vigo, onde traballa desde o ano 2017, ten co-dirixido tres teses de doutoramento e na actualidade co-dirixe outras tres.